Mondoñedo acolle o festival Mindomúsica coa axuda da Deputación de Lugo



A Deputación de Lugo impulsa a terceira edición do festival Mindomúsica de Mondoñedo. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto a Raquel Maseda, director artística do certame, presentou a cita coa música de cámara, que terá lugar entre o sábado 26 de xuño e o domingo 4 de xullo en lugares emblemáticos do municipio mindoniense, como a Catedral ou a Casa dos Coengos. A institución provincial colabora con 3.000 euros na organización desta terceira edición de Mindomúsica, á que a veciñanza poderá asistir de xeito gratuíto.

“Esta é unha iniciativa musical e cultural ideal para a promoción turística de Mondoñedo, da comarca da Mariña e do conxunto provincia”, explicou García Porto. A Deputada destacou o formato do festival, que achega a música clásica á xente por medio de concertos, encontros e entrevistas cos diferentes intérpretes. “Este festival ofrece a oportunidade de escoitar a mellor música de cámara en escenarios únicos, como a Catedral de Mondoñedo. Cos seus máis de 800 anos é monumento nacional desde 1902, basílica desde 1962 e declarada Patrimonio da Humanidade desde 2015. Esta iniciativa tamén é unha ocasión única para viaxar no tempo, porque as obras que se interpretarán estarán vencelladas ao arquivo de música da Catedral”, apuntou García Porto.

A Deputada destacou a aposta da Deputación por “un turismo sostible, sen masificacións, de natureza e experiencias, que pon en valor o patrimonio da provincia e que crea emprego no rural”. Pilar García Porto explicou que “para seguir fortalecendo este modelo de turismo, que se viu reforzado tras o impacto da pandemia, tamén é importante apoiar eventos como o Festival Mindomúsica, que potencian un turismo de calidade e de experiencias”. E engadiu que esta labor, continuada no tempo, “axudará a fixar poboación, creando un emprego sustentable ligado ao territorio, pensando nas nosas fortalezas e nas oportunidades que temos”.