Medidas para o uso dos albergues públicos para garantir un camiño seguro

A Xunta estableceu un protocolo con medidas para o uso dos albergues públicos que garante un camiño seguro, tal e como indicou hoxe o xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, nunha demostración práctica no establecemento de acollida de peregrinos de Betanzos.

A metade dos albergues da rede pública reabrirán as súas portas o día 15 deste mes; sobre todo, naquelas localidades nas que non hai unha oferta suficiente de establecementos privados. A partir dese día entrarán en vigor as normas que deberán cumprir os peregrinos tanto neses albergues como nos que entrarán en funcionamento o 1 de xullo, cando quede activada a rede pública na súa totalidade. 

 Tal e como recalcou o xerente de Turismo de Galicia, o límite de ocupación nas zonas comúns será do 50%, pero nas habitacións redúcese aos 30%, salvo para grupos burbulla acreditados. As camas disporanse cunha distancia mínima de 1,5 metros entre si, aínda que se aconsellan os 2 metros sempre que sexa posible. No caso de contar con liteiras, evitarase o uso das contiguas e das superiores. Cada peregrino deberá levar o seu propio saco de durmir, e recoméndase permanecer pola noite coa máscara posta.  

Camiño seguro

A Xunta leva meses traballando na adaptación do Camiño ás medidas sanitarias e de seguridade para garantir a confianza dos peregrinos. Entre outras cuestións, investiuse na formación dos hospitaleiros e na posta en marcha de protocolos sanitarios por mor da pandemia. Activouse, ademais, un sistema de reservas en liña e púxose en marcha o seguro coronavirus, que cobre os gastos de peregrinos e turistas en caso de contaxio. 

Con todas estas normas, Galicia está preparada para a reactivación do turismo e a recuperación do Camiño de Santiago, unha realidade que se constata no progresivo incremento de peregrinos que recollen a compostela: preto de 8.500 desde o mes de abril.