Luz verde á IXP Terras do Navia


O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a orde da Consellería do Medio Rural pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida (IXP) «Terras do Navia». Deste xeito, apróbase a remisión da resolución -xunto coa documentación pertinente- ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, para proceder á inscrición desta IXP no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas.

Solicitada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, a IXP «Terras do Navia» amparará os viños tintos e brancos producidos en seis parroquias do concello lucense da Fonsagrada-Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña-, noutras seis de Navia de Suarna-A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira- e na totalidade do municipio de Negueira de Muñiz.

Nesa liña os viños da IXP «Terras do Navia» elaboraranse exclusivamente con uvas das variedades brancas Branco lexítimo, Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura e Torrontés. No que respecta ás variedades tintas, están permitidas as Albarín Tinto, Mencía, Merenzao, Brancellao, Caíño Tinto e Loureiro Tinto.