‘Letras Coloridas’ cun dobre obxectivo, didáctico e reivindicativo, da LGBTIQA


 A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, presidiron no balcón da Casa Consistorial, acompañados polos concelleiros Anabel Gulías, Carmen Fouces, Xaquín Moreda, Demetrio Gómez, Alberto Oubiña e Guillermo Juncal, o despregue da instalación artística ‘Letras Coloridas’, que ten como protagonistas as letras luminosas que conforman a terminoloxía da diversidade: L (lesbiana) G (gay) B (bisexual) T (trans) I (intersexual) Q (queer) A (asexual). As siglas que identifican á comunidade LGBTIQA, eixo vertebrador deste Orgullo 2021 en Pontevedra, pretenden converterse nunha chamada de atención a nivel estético e están acompañadas da súa definición, cun dobre obxectivo didáctico e reivindicativo ante o avance dos discursos de odio e a intolerancia promovidos polos sectores máis reaccionarios.

Yoya Blanco asegurou que “estamos nun momento nos que resulta máis importante que nunca visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero e afimar os dereitos conquistados polo colectivo con moita sangue e bágoas”. “Non imos dar un paso atrás -sinalou a socialista- e este concello seguirá a ser referente e abandeirado da loita LGBTIQA, que é a loita polo dereito a ser quenes desexamos ser, a ser nós mesm@s”.

Sobre a decisión da UEFA: “Non é un problema político, ogallá o fora. É un problema de conquerir dereitos e iso afecta a toda a sociedade”

A concelleira de Igualdade referiuse tamén á decisión da UEFA de prohibir iluminar o estadio de Allianz Arena Múnich coas cores da bandeira arcoíris durante o Alemania-Hungría do Europeo de Fútbol. En opinión de Yoya Blanco, ao contrario do que argumenta a UEFA para xustificar a súa resolución, “non é un tema político, é un tema de conquerir dereitos para o colectivo”. “Eu estou totalmente en desacordo con esa decisión -asegurou a edil do PSOE- e, ao ser futbolera, moléstame aínda máis. Este mesmo ano presentamos no Concello un vídeo protagonizado por deportistas pontevedreses para visibilizar a homofobia no deporte… Así que non é un problema político, ogallá o fora. É un problema de conquerir dereitos e iso afecta a toda a cidadanía”.

Trala charla inaugural impartida este luns polo histórico activista Jordi Petit na Casa Campás, o programa do Orgullo 2021 continuará o venres 25 de xuño coa presentación dos arranxos florais de temática LGBTIQA nos xardíns das prazas de España e de Ourense, no marco do proxecto os Xardíns que Falan, da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Esta mesma fin de semana, o sábado 26 de xuño ás 22:30 horas, celebrarase no Gastroespazo do Mercado de Abastos unha das actividades máis agardadas do programa: os Vermús de Pinto e Maragota regresan cunha noite de cabaré baixo o fascinante título de Farándula Incandescente, un espazo de xogo cos roles de xénero, diversidade e amor libre onde todo será posible, no que se estimularán tódolos sentidos e no que nada será o que semella ser. Un espectáculo sensual, mordaz, desenfadado, erótico, elegante e cheo de humor, que incluirá canto, striptease, danza, contacontos, monólogos, acrobacias, interpretación, transformismo… Unha viaxe chea de fantasía.

A Casa das Campás volverá ser escenario o martes 29 de xuño ás 20:00 horas dunha nova charla, neste caso sobre o ‘Dereito á diversidade’. O activista LGBTIQA+ Fito Ferreiro, membro da executiva de ALAS A Coruña (colectivo do que é membro fundador) que vén de demandar á TVG por acoso laboral por mor da súa orientación sexual, e a xurista, activista trans e formadora en igualdade e diversidade sexo-afectiva Ada Otero, coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Pontevedra, serán os protagonistas deste coloquio arredor da protección legal en situacións de acoso e discriminación por orientación sexual.

No que atinxe ás actividades pensadas para os máis pequenos, o espazo de lecer infantil O Ganapán unirase un ano máis á festa do Orgullo cunha ampla programación en torno á diversidade, tanto no Espazo Gastro como no Espazo Crea, que se desenvolverá entre o martes 29 de xuño e o domingo 4 de xullo. Neste Ganapán tamén se desenvolverán contacontos a partir dunha biblioteca cunha boa selección de contos inclusivos como ‘Con tango son tres’, ‘Piratas no Recreo’, ‘Vivan as uñas de cores’, ‘Titiritesa’, ‘Quero ser raíña’, ‘Granxeiro e veterinario’, ‘Un año que é un porquiño’, ‘Pola mañá cedo’, ‘Non é hora de xogar’, ‘Unha chea de familias’… 

Entre o mechandising que xa se está distribuír desde o Concello de Pontevedra para este Orgullo 2021 inclúense unhas viseiras coas siglas LGBTIQA e o logotipo da Concellería de Igualdade.