Impulso ao sector ovino e cabrún en Galicia


A Xunta e Oviganic Ibérica impulsan o sector ovino e cabrún en Galicia coa sinatura dun acordo para a compra do leite que produza este gando na nosa comunidade. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na asinatura dun protocolo de colaboración ao respecto co director xeral da empresa Oviganic Ibérica S.L., Joaquín Garrido Martín. González destacou a importancia de pechar acordos deste tipo con entidades que teñan capacidade e estean dispostas a comprar produtos galegos.

Deste xeito, o Goberno galego e a empresa con sede en Monforte de Lemos comprométense a traballar para incrementar o número de explotacións de ovino e de cabrún na nosa comunidade. Nesa liña, o conselleiro destacou que estas gandarías permiten poñer en valor terreos de escaso redibilidade agronómica pola súa pedregosidade, pendente, accesibilidade ou dificultade de mecanización, sendo así ademais os máis difíciles de xestionar en caso de lumes forestais. 

No marco do protocolo de colaboración, a Xunta e Oviganic Ibérica S.L. tamén perseguirán asegurar a viabilidade dos proxectos de industrialización agroalimentaria que completen a transformación e dean valor engadido aos produtos procedentes das explotacións galegas de ovino e de cabrún. Neste senso, na medida en que exista dispoñibilidade de leite de ovella ou de cabra nas explotacións galegas -tanto de produción ecolóxica como convencional- as dúas partes colaborarán para que a transformación se produza en Galicia de xeito estable, favorecendo as canles curtas de comercialización para permitir unha maior repercusión do valor engadido nos produtores e colaboradores.

Por último, o Goberno galego e a empresa monfortina comprométense a difundir este tipo de gandarías entre as comunidades veciñais de montes en man común, as sociedades de fomento forestal e as empresas de produción e transformación de leite.

Oviganic Ibérica S.L. leva 35 anos asentada no concello lucense de Monforte de Lemos, desenvolvendo en Galicia -de xeito innovador e en exclusiva- determinados programas de industrialización e comercialización de produtos lácteos de ovino e de cabrún, pero tamén de vacún. Nesa liña, a empresa ten prevista a ampliación da súa planta para a elaboración de produtos finais de alta especialización e valor engadido, como leite enteiro e desnatado en po, soro en po desmineralizado, manteiga e outras materias primas de produtos industriais.