Goberno galego reforzará os equipos que inspeccionan o estado das distintas rutas do Camiño para garantir a súa conservación co previsible aumento de peregrinos no Xacobeo 21-22. De feito, a semana pasada chegaron a Compostela máis de 3.600 peregrinos –2.000 só entre o venres e o domingo- e no que vai de xuño uns 9.000, o que supón un máis do dobre que os 4.000 de todo maio, que a súa vez cuadriplican aos 1.000 de abril.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou nunha comparecencia no Parlamento que co obxectivo de manter tódalas rutas nun estado óptimo, a Xunta dobrará o orzamento para a vixilancia e conservación con 400.000 euros máis ao ano en labores de conservación, seguimento, coordinación e xestión de todas as actuacións necesarias. O reforzo suporá reducir á metade os tramos que deben vixiar os técnicos, o que redundará nunha mellora en tódolos trazados.
Esta actuación súmase as levadas a cabo pola Xunta no marco do Plan Director do Camiño 2015-2021 para ofrecer a mellor imaxe de Galicia aos peregrinos neste Ano Santo. Xunto cos 33,9 millóns de euros investidos neste período no acondicionamento dos Camiños, inclúense 3,7 millóns na súa mellora paisaxística e 6 millóns na sinalización. Nesta liña, Alfonso Rueda lembrou que o tramo do Camiño Portugués da Costa por Vigo é o único sen sinalizar ao non ter autorización do concello. Por iso, agradeceu a implicación de hostaleiros e comerciantes por unirse á proposta da Xunta e incluír a sinalización homologada nos seus locais.
Ademais, sinalou que trala reapertura da metade dos albergues da rede pública o pasado martes, o 1 de xullo abrirán os demais, entre eles o do Monte do Gozo, situado nun complexo revitalizado tras o investimento de 7,7 millóns de euros. O próximo martes 29 de xuño inaugurarase o albergue de Vigo, un dos 8 novos que se porán en marcha neste Ano Santo coa ampliación da rede ata os 78, ao abeiro do Plan de Albergues, ao que se destinaron máis de 7 millóns.
Tamén avanzou que nos 85,6 millóns de euros reservados este ano para o Xacobeo inclúese a súa promoción con campañas como Camiña a Galicia co obxectivo de acadar os 5 millóns de visitantes en 2022, así como a súa programación a través de iniciativas como O Teu Xacobeo e asegurou que volverán os concertos con tódalas medidas de prevención ante a covid-19.
Na súa intervención, o vicepresidente primeiro da Xunta incidiu en que Galicia está preparada para relanzar o Ano Santo, polo que espera que o Goberno central aposte tamén polo Xacobeo e os Camiños nas asignacións orzamentarias pendentes, tendo en conta que Galicia investirá só neste ano 25 millóns máis que o que recolle o Plan Nacional Xacobeo para a comunidade en cada anualidade, con 121 millóns en dous anos, 60,5 millóns por exercicio.