Ganderías ecolóxicas ofrecen prácticas aos alumnos de FP Dual


 A falta de man de obra cualificada para traballar no campo fai que sexa un problema en granxas ecolóxicas e nas que non o son. Cada vez son máis os coñecementos técnicos e zoosanitarios que teñen que ter os traballadores dunha granxa gandeira ou agrícola.

Desde o IES de Arzúa propuxéronlle a Jesús Valiño, da Granxa Ecolóxica Figueroa, ser unha das empresas susceptibles de ofrecerlles prácticas aos alumnos e alumnas dun ciclo de FP Dual de Produción Agroecolóxica que teñen pensando poñer en marcha no centro. Valiño non o dubidou. Non foi o único ao que valoraron na comarca, na que naceron varias explotacións que apostan polo modelo ecolóxico. Pilar Castro de A Curiscada, outra das empresas que ofrecerán prácticas, resalta a importancia de atopar xente profesional e máis nunha zona tan produtora. Castro é socia da SAT Lactear, formada pola Ganadería Pear SC e Casa do Xordo, que tamén confirmaron a súa participación no proxecto.

Estas ganderías forman parte das dez empresas que, nun principio, subscribirán un acordo polos dous anos que dura o ciclo para ofrecerlles prácticas aos alumnos. E son elas mesmas as que seleccionarán os estudantes nunha entrevista psicosocial na que tamén estarán presentes docentes. A FP Dual está confirmada, mais falta coñecer as prazas que ofertarán e como será o proceso de acceso. A partir do 25 de xuño abrirase un prazo para presentar as demandas ata o 2 de xullo. Logo publicarase unha listaxe provisional e, tras pechar o período de reclamacións, será cando as empresas colaboradoras da comarca realicen as entrevistas das que sairán os alumnos admitidos para realizar esta FP.