Ferrol acolleu a IV edición da feira Primavera no Camiño Inglés

A praza de Armas de Ferrol acolleu  a cuarta edición da feira Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés para poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Na inauguración institucional do evento participou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que destacou a colaboración entre entidades para levar a cabo este evento. "A coordinación, sumar esforzos é a clave" destacou o presidente.

Ao respecto da ruta xacobea, Valentín González Formoso sinalou que "os Camiños serven para unir, teñen esa forza" e que o Camiño Inglés "é unha oportunidade de revitalización económica para ás vilas máis pequenas". Defendeu ademais un "turismo seguro e sostible que converta a Galicia nun dos destinos máis atractivos para os vindeiros meses a nivel nacional e internacional".

"A isto súmase o ano Xacobeo, que vai supoñer un forte impulso para a súa promoción, así como para o desenvolvemento socioeconómico dos municipios que atravesa, contribuíndo á creación de emprego e a fixar poboación dos concellos do rural", engadiu.

Pola súa parte, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, agradeceu tanto a colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia como "o traballo realizado ao longo dos últimos meses por todo o persoal municipal dos dezaoito concellos hoxe aquí representados".

O delegado da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, incidiu en que a Xunta "está levando a cabo un investimento de dous millóns de euros para a posta en valor do Camiño Inglés." e lembrou que "grazas ao esforzo de todas as administracións xa é a terceira opción máis escollida despois do Camiño Francés e o Portugués".

"É a primeira vez que Ferrol acolle esta cita", destacou o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que se amosou orgulloso "do traballo feito polas distintas administracións, unha aposta conxunta por reivindicar este Camiño Inglés, un dos nosos recursos patrimoniais e turísticos". Ademais, o rexedor agradeceu o "compromiso permanente da Deputación coa cidade de Ferrol, ao que se suma traer aquí esta feira".