Famtrip polo Miño transfronteirizo


Unha ducia de representantes de comerciantes por xunto, axencias, ‘influencers' e `blogguers´ de viaxes visitan esta semana os concellos miñotos galegos e portugueses grazas a unha iniciativa do AECT Rio Minho para dar a coñecer a zona miñota como un ‘destino TOP' de natureza e patrimonio entre as persoas viaxeiras.

A ‘famtrip' –explica o vicedirector do AECT Uxío Benítez– pretende familiarizar e atraer aos operadores turísticos achegándoos a cada recuncho do territorio miñoto para que vivan a experiencia de coñecelo como persoas viaxeiras, en primeira persoa, e despois poidan ofrecelo a persoas que buscan experiencias coincidentes.

Esta actividade, organizada polo AECT Rio Minho como un fito de promoción do destino e a marca Rio Minho co obxectivo de desenvolver o produto turístico transfronteirizo baseado no patrimonio natural e cultural dentro do proxecto de preservación e valorización do territorio ‘Visit Rio Minho', que baixo o lema ‘Un río, dous países, grandes experiencias', está financiado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.