Estimacións e reservas cara á ocupación turística deste verán en Rías Baixas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou  as estimacións e reservas cara á ocupación turística deste verán en Rías Baixas.  “Con todas as cautelas ante os múltiples factores que poderían interferir nas previsións, pero con moito optimismo ante o que parece a día de hoxe a recuperación do turismo na provincia de Pontevedra”. No intervalo máis baixo da pinza, as cifras apuntan a unha media de case un 60% no mes de xullo e preto dun 70% en agosto, aínda que a valoración tanto do Observatorio como do sector xa contempla un incremento de ata un 15% nestes datos se a pandemia sigue contida.

Son datos que, como subliñou a presidenta, “amosan un cambio radical para o turismo, unhas boas perspectivas para un sector que representa o 11% do PIB. Esperemos que se cumpran as estimacións e poidamos desfrutar dun sol verdadeiro, da luz desta provincia e que metaforicamente ese sol e esa luz se convertan en porcentaxes moi altos de visitantes, e que os sectores económicos, particularmente este, poidan experimentar un forte impulso” . 

Para o vindeiro mes de xullo, os establecementos hoteleiros da provincia xa contan cun 57,2% de reservas, dato sobre o que a maioría apunta que, de seguir a evolución favorable da pandemia, “podería incrementarse ata nun 15%, e estariamos preto do 75%”. A comarca do O Morrazo agarda un 75,5% de ocupación, mentres que a de Vigo ten un 70% de reservas; O Salnés un 66%; a comarca de Pontevedra un 59%; Baixo Miño un 53,4%; Caldas un 47%; Deza-Tabeirós-Montes un 24,5% e Condado-Paradanta un 23%. No que se refire aos principais concellos turísticos,  Baiona estima un 78% de ocupación; Sanxenxo un 63,6%; Vigo un 62,4% (dato que se achegará ao 70% esperado por Ashovi); Pontevedra un 57, 3% e O Grove un 54,8%.

Xa para agosto, a estimación é do 66% aínda que o sector calcula que se a situación epidemiolóxica sen mantén as reservas poderían incrementarse tamén ata un 15%. “Estaríamos falando dunha ocupación por riba do 80%”, dixo Carmela Silva. Xa por comarcas, no Salnés prevese un 70,9% de ocupación, na comarca de Vigo un 70,4%, na de Pontevedra un 67,8%, no Morrazo un 67,3%; na comarca de Caldas un 50,5%; no Baixo Miño, un 57%; no Deza-Tabeirós-Montes un 50% e no Condado-Paradanta un 22,5%. En canto as principais vilas turísticas Baiona agarda un 83%; Vigo un 72,1%, previsión “moi potente” que se estima aumentará e coincidirá co 90% que augura Ashovi e, no caso do fin de semana do Marisquiño, dun 95% . Doutra banda, Sanxenxo prevé un 70,3%;Pontevedra un 60,3% e O Grove 56,7%.

As expectativas “son tamén favorables” no turismo rural, se ben aínda se esperan reservas, cunha previsión de ocupación a día de hoxe de preto do 70% para xullo e do 71% para agosto, “o que da conta da preferencia por vivendas en espazos tranquilos en contacto coa natureza”. Por comarcas, Caldas prevé  un 95% de ocupación en xullo e un 75% en agosto; a de Pontevedra un 66,9% en xullo e un 74,9% en agosto; O Morrazo un 86,9% xullo e un 84% agosto; Baixo Miño un 70% xullo e un 59,5% en agosto; O Salnés un 57,5% en xullo e un 69% en agosto; a comarca de Vigo preto dun 50% en xullo e un 75,3% agosto; Deza-Tabeirós-Montes: 64,7% para xullo e 68,9% para agosto e  Condado-Paradanta un 64,9% en xullo e un 62,6% en agosto

A estimación para xullo e agosto nos albergues é de superar o 35% (34,9% en xullo e 36,6% en agosto), aínda que a presidenta lembrou que neste sector “as reservas funcionan con menos antelación e hai que ter en conta que o Camiño aínda comeza a activarse, polo que seguro que os datos mellorarán”. E nos cámpings destacan porcentaxes de reserva xa importantes cun 50,3% para xullo e 51,8% para agosto, destacando a área de Vigo e o Salnés con previsións superiores ao 70% para ambos meses. Nas vivendas turísticas, a previsión de reservas para xullo está cerca do 70%, mentres que en agosto se achega ao 80 %. Sanxenxo, concello co maior número de vivendas turísticas de Galicia, prevé un 74,1% en xullo e un 83,2% en agosto.

En canto ao perfil das persoas que visitaron as oficinas turísticas ou que realizaron consultas na rede sobre o destino, a presidenta destacou que cerca do 89% foi público nacional principalmente da propia provincia de Pontevedra seguido de Madrid, Barcelona e País Vasco.

Datos de Xuño

Neste mes que está a piques de rematar, prevese que a ocupación turística en hoteis acade finalmente un 43%, coa maior parte das reservas nesta segunda quincena. Por comarcas, Baixo Miño rexistra  un 49%, O Morrazo un 46,6%; Pontevedra un 46,3%; Vigo un 46,1%; O Salnés un 42,3%; Caldas un 33,6%; Deza-Tabeirós un 26,5% e Condado-Paradanta un 12,3%. 

En  canto aos datos rexistrados nas cidades e nos principais destinos, os de Pontevedra amosan un 52,7%  de ocupación; Vigo un 49,2%;  Baiona un 48,5%;  Sanxenxo un 40,3% e O Grove un 36,6%. Doutra banda, no turismo rural os datos son “máis contidos”, aínda que como lembrou a presidenta, este sector tradicionalmente traballa máis entre xullo e setembro, co que a ocupación no conxunto do destino foi do 35% . Nos albergues, a ocupación foi do 16%  e nos cámpings do 21,8%, cos datos máis salientables no Morrazo, cun 42,2%, e na comarca de Vigo cun 25,3%. Si que houbo unha ocupación “histórica”, segundo o sector, nas vivendas turísticas neste xuño, cun 41% na primeira quincena e un 52,4% nesta segunda.