Deputación de Pontevedra e o CETS sentan as bases dunha relación sólida a prol do turismo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a directiva do Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo (CETS) sentaron esta mañá as bases dunha relación sólida a prol dun modelo turístico “de calidade, sostible, intelixente e xerador de riqueza”, tal e como resumiu a máxima responsable da institución provincial. “Fixemos unha posta en común, coincidimos plenamente e eu saio encantada desta xuntanza. 

O sector turístico de Sanxenxo traballa desde hai dúas décadas nun modelo para o sector, hai que agradecerllo, e imos traballar xuntos para desenvolver accións conxuntas”, afirmou ao remate dunha xuntanza que se prolongou, nun ambiente moi cordial, durante hora e media, e na que a directiva agasallou á presidenta cunha figura da Madama de Silgar, símbolo da vila. O presidente do Consorcio empresarial tamén expresou a súa satisfacción co resultado e está convencido de que esta toma de contacto foi “o comezo dunha relación que vai ser moi frutífera para as dúas partes”. 

A presidenta da Deputación considera prioritario establecer unha relación de traballo entre as institucións públicas e privadas e destacou o traballo do sector e o potencial de atraer visitantes ao destino Rías Baixas-Pontevedra Provincia. “Este é un destino seguro, hospitalario, con enorme capacidade de xerar actividade, de excelencia e que aposta por que as persoas que veñan se sintan extraordinariamente ben”, explicou, e referiuse á boa sintonía na xuntanza co CETS. “Apostamos e coincidimos nun modelo que traballe por un turismo sostible, pola dixitalización e por presentar proxectos comúns aos fondos europeos”, manifestou.

Nesta liña avanzou que a Deputación e o Consorcio van comezar a traballar de maneira inmediata “sobre proxectos concretos, de eventos e turismo deportivo, e a establecer unha relación directa para que nas decisións vinculadas ao turismo e ás infraestruturas consultemos ao sector privado, de maneira que as accións sexan acaídas coas necesidades que expoñan “. A presidenta avoga ao respecto por “facer ao sector turístico copartícipe das políticas públicas da Deputación para construír así pobos amables e sostibles”.