Comisión de Seguimento sobre o futuro de Meirás

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na reunión da Comisión de Seguimento sobre o futuro de Meirás celebrada na Coruña coa participación das administracións implicadas no proceso xudicial. Neste marco, o Goberno central avanzou a súa intención de reabrir os xardíns das Torres de Meirás a finais deste mes de xuño, retomando así máis de seis meses despois ás visitas da cidadanía, algo que a Xunta de Galicia reclamou desde o primeiro momento. O representante

autonómico expresou a súa satisfacción por este paso e lembrou a importancia de facelo extensivo tamén canto antes ao interior do ben. 

A reunión permitiu abordar, así mesmo, o protocolo trasladado polo Estado para o reparto de funcións entre as diferentes administracións, ao que a Xunta formulou varias achegas. Por unha parte, para matizar que cada administración debe actuar neste ben desde o ámbito competencial que lle corresponde. Por outro, para reiterar que Galicia non vai renunciar a xestión de Meirás. 

O consenso dos galegos fixo posible recuperalo e, polo tanto, o Goberno central deberá ceder a xestión de Meirás á Xunta unha vez remate o proceso xudicial, tal e como aprobou o Parlamento de Galicia, declarou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Anxo M. Lorenzo tamén insistiu na disposición da Xunta a ampliar a declaración BIC de Meirás. Para iso, agárdase poder abrir unha vía de diálogo co Goberno central para que o Executivo autonómico poida realizalo con todas as garantías xurídicas, tal e como vén propoñendo desde hai xa varias semanas. Neste senso, explicou que el mesmo acompañou ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, onte martes nunha reunión co secretario de Estado de Memoria Democrática en Madrid, na que coincidiron en buscar unha solución ás discrepancias xurídicas entre administracións.