Cinco blogueiros nos Camiños de Auga grazas á Deputación da Coruña


Cinco blogueiros especializados en viaxes visitarán nas vindeiras semanas os nove concellos da comarca de Santiago que aglutina o Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo coa finalidade é darlles a coñecer os atractivos da zona os seus milleiros de seguidores. Trátase dunha das iniciativas comprendidas na campaña de promoción turística que, co nome de Camiños de Auga e por segundo ano consecutivo, impulsa o GDR coa financiación da Deputación da Coruña e o Plan Leader. 

A iniciativa desenvolverase nos municipios de Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado dos Monxes, Toques, Touro e Vilasantar. 

Eva Abal, creadora de Una idea, un viaje, vai ser a semana que vén a primeira blogueira que visite os Camiños de Auga. Finalista nos premios IATI 2020 como mellor blog de viaxes revelación e colaboradora de revistas como Conde Nast Travel ou o programa Quen anda aí? da Televisión de Galicia, o seu cometido será o de promocionar algunhas das once rutas de sendeirismo homologadas existentes no territorio. 

Tocaralle logo a quenda a Alberto Ribas, autor dos blogs Al vientooo e Máis Grelos, o que lle valeu ser nominado como mellor blogger de viaxes na última edición dos premios Escapada Rural. Especializado en gastronomía, o queixo de Arzúa, o mel, os melindres melidenses ou o galo piñeiro do Pino centrarán a súa atención, ademais do Camiño de Santiago. 

Os road trips vanlles servir de guion aos dous seguintes blogueiros. Na semana do san Xoán, Carmen Delia Díaz percorrerá co seu blog Escapalandia, o de maior repercusión para público familiar en Galicia, a Ruta ao Volante do Tambre, unha ruta turística de 79 quilómetros deseñada polo GDR e que nos leva polos puntos de principal interese dos concellos de Boimorto, Vilasantar, Sobrado, Toques e Melide. 

A outra das rutas ao volante que promociona o GDR, a Ruta do Ulla, farana Isaac Martín e Paula Bello. A súa bitácora, Chavetas, atópase entre os 15 blogs de viaxes con máis tráfico de España e nela darán a coñecer Arzúa, O Pino, Touro e Santiso. Por último, a xornalista de viaxes Silvia Viqueira, creadora de Antonautas na Iagosfera, recompilará as moitas razóns polas que paga a pena desprazarse ata o territorio do GDR Ulla Tambre Mandeo para gozar da natureza, o patrimonio histórico e arquitectónico e a boa gastronomía.