Balance do apoio da Xunta ao sector turístico desde o inicio da pandemia


A Xunta continua a consolidar a imaxe de Galicia como destino seguro, o que permitiu que no primeiro cuadrimestre do ano a comunidade resistise mellor con 23,5 puntos por riba da media nacional no que a afluencia de viaxeiros se refire. De cara a recuperar a confianza dos visitantes xa está en vigor o seguro coronavirus, unha medida pioneira a nivel estatal que cubrirá os custos derivados de infección por covid-19 ou por corentena.

Alfonso Rueda fixo balance do apoio da Xunta ao sector turístico desde o inicio da pandemia, por exemplo, a través das 2 convocatorias do Plan de Rescate da Xunta. Dos 182 millóns que se destinaron a ambos plans, 90 millóns –case a metade- foron para apoios á hostalería. Xa está aberto o prazo de solicitudes do III Plan de Rescate para distribuír os fondos do Estado. Ademais, anunciou que se adheriron á plataforma da Xunta 63 concellos de tódolos signos políticos para axilizar os pagos dos 2,5 millóns de euros que destinarán aos locais de hostalería dos seus municipios e que se comezarán a distribuír nos próximos días.

No marco deste apoio a Xunta habilitou o plan de choque para o sector turístico con liñas de axudas para reactivar as axencias de viaxes (5,3M€), a organización de congresos e eventos (770.000€), os guías turísticos (250.000€), o turismo termal (100.000€), ademais de 3,5 millóns para renovar as instalacións dos establecementos turísticos e máis de 8,5 millóns ao ocio nocturno –entre o primeiro plan e a liña de 4M€ aprobada a semana pasada- para o que se prevé a súa reapertura o 1 de xullo.

O Plan de choque inclúe medidas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #Quedamos en Galicia, da que se esgotou o crédito en 12 horas e coa que, despois da ampliación de 1,4 millóns ao orzamento inicial, se prevé chegar a 10.000 usuarios e inxectar 7,5 millóns ao sector. Co mesmo obxectivo e para desestacionalizar a oferta, reactivouse o programa Elixe Galicia, que mobilizará 3 millóns a través de estancias dirixidas colectivos específicos, e foi recoñecido como Premio Fitur ao mellor produto de turismo activo por Fitur e a revista Aire Libre.