As oficinas de información turística das Rías Baixas contan con 10 novas "Q"

Os 10 diplomas coa “Q de Calidade”, que premian o traballo de información turística que se desenvolve dende as oficinas da rede provincial Rías Baixas en Cangas, Poio, Caldas de Reis, A Illa de Arousa, Baiona, Nigrán e A Estrada, xunto coas oficinas propias do Palacete das Mendoza (Pontevedra), aeroporto de Vigo e A Armenteira (Meis) xa están en mans dos seus titulares. A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, presidiu hoxe o acto de entrega nos xardíns do palacete coa asistencia da alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, e dos alcaldes de Poio, Luciano Sobral, e Illa de Arousa, Carlos Iglesias, ademais do tenente de alcalde de Caldas, Manuel González.

A provincia de Pontevedra consolídase así, un ano máis, como a referencia na información turística certificada polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) a través da rede da Deputación Provincial, que conta con 30 oficinas repartidas por 27 concellos. Estes 10 diplomas “Q de Calidade”, que son tres máis que os do ano pasado, son os únicos que poden atoparse en Galicia. A eles hai que engadir o undécimo, pertencente á oficina de Sanxenxo, que aínda que tamén está na rede Rías Baixas, foi xestionado directamente polo Concello.

Ana Laura Iglesias explicou que os diplomas foron outorgados polo ICTE durante a recente feira FITUR, onde a candidatura da Deputación obtivo unha puntuación de 878 puntos sobre un máximo de 1.000, converténdose nunha das máis valoradas de España. A deputada felicitou aos concellos “pola firme aposta pola excelencia e por axudarnos a desenvolver un modelo intelixente e sostible de turismo”.  Con este avance no número de certificados, engadiu, dáse un novo paso a prol da profesionalización do sector e contribúese a implantar  “oficinas de turismo do século XXI, que dan resposta ás novas demandas das persoas visitantes, que tamén buscan interactuar, asesoramento personalizado e información sobre experiencias e produtos”. “Oficinas”, engadiu, “accesibles e que dan respostas en tempo real e de maneira eficaz”.

A alcaldesa de Cangas falou en representación dos concellos e afirmou que é “un gran pracer formar parte da provincia que lidera os distintivos de calidade”. Victoria Portas destacou que estamos a saír dun momento moi complicado trala pandemia “e isto axuda a que sexamos máis efectivas/os e a que teñamos máis forza diante do reto deste verán”. Finalmente, animou ao resto de concellos a sumarse a esta aposta pola calidade e contribuír así a espallar, aínda máis, a “Q de Calidade” na provincia líder de Galicia.

A rede Info Rías Baixas foi creada en 2019 como fórmula para descentralizar a información e a promoción turística por toda a provincia. Trala recente adhesión de Redondela conta con 27 concellos adheridos e o número volverá medrar nos próximos meses. No seu proceso de mellora continua, Rías Baixas está a piques de desenvolver o proxecto “Tourist Inside” para a dixitalización da rede e o reforzo da interactividade. O proxecto conta con financiamento europeo, no que supón outro recoñecemento á rede.

A Deputación dedica 173.739 euros este ano ao financiamento do persoal que realiza as tarefas de información dende as 30 oficinas. Ademais proporciona material de información, asesoramento continuo e ocúpase da imaxe corporativa da rede.