Airbnb impartirá accións formativas no marco do programa Turistic de SmartPeme

A Deputación de Pontevedra e a plataforma Airbnb van colaborar neste mes de xuño ao abeiro do programa Turistic, de SmartPeme, na organización de catro accións formativas para fomentar o emprego das novas tecnoloxías, impulsar a dixitalización do turismo no rural, fomentar as viaxes sostibles e axudar ás empresas a atender ás novas tipoloxías de persoas viaxeiras que existen na contorna dixital. 

Deste xeito, os días 15, 16, 22 e 23, de xuño, entre as 10 e as 11 da mañá, terán lugar webinars gratuítos a cargo da plataforma sobre a creación e optimización de anuncios de aloxamentos, actividades, visitas guiadas e experiencias. As accións, nas que xa é posible inscribirse  na web de SmartPeme, van dirixidas a persoas emprendedoras, autónomas e pemes do sector turístico.

A presidenta da Deputación Carmela Silva destacou a firme a posta da institución provincial “pola dixitalización e pola intelixencia máis nun sector, como o turístico, que debe ter unha estreita relación coa tecnoloxía”. Froito desta aposta a Deputación puxo en marcha a carteira Turistic dirixida ao sector turístico e integrada en SmartPeme. “Para nós –asegurou a presidenta- é fundamental implantar os avances tecnolóxicos para impulsar o turismo, xa que se trata dun aspecto clave para ser máis competitivas/os e promover unha rápida recuperación da actividade nun contexto como o actual”. 

Pola súa banda Mónica Casañas, directora xeral de Airbnb Marketing Services S.L. asegurou que “estamos vivindo un momento único nas viaxes. As persoas poden viaxar en calquera momento, viaxan a máis destinos e quédanse máis tempo. As liñas divisorias entre viaxar, vivir e traballar estanse a difuminar e en Airbnb trabállase para que as persoas anfitrioas e as comunidades locais, especialmente as que se atopan en zonas rurais, poidan beneficiarse desta nova realidade”.

A primeira das accións formativas que Airbnb vai implantar no seo de Turistic será o 15 de xuño, e centrarase na creación de anuncios de aloxamentos. O 16 de xuño afondarase na creación de anuncios de actividades, visitas guiadas e experiencias nas plataformas dixitais, o 22 de xuño falarase sobre a optimización dos anuncios de aloxamentos  e o 23 sobre a optimización dos anuncios de actividades, visitas guiadas e experiencias.

Todas as sesións, que terán lugar entre as 10 e as 11 da mañá, enmárcanse no programa “Airbnb rural”, que consiste en actividades de formación dirixidas a persoas anfitrioas do rural para poñer á súa disposición ferramentas para trunfar cos seus aloxamentos e experiencias e, así, favorecer o turismo nestas zonas.

Deste xeito, amais de dotar ao sector turístico de ferramentas, coñecemento e recursos sobre as viaxes e comercialización online, as accións formativas están dirixidas a favorecer ao turismo nas zonas rurais, unha das grandes demandas post-pandemia, xa que a xente busca escapadas en plena natureza, para desconectar das rutinas diarias. Segundo un estudo realizado por Airbnb, o 40% das persoas están interesadas en viaxar a lugares en plena natureza e as viaxes rurais son tendencia e representan tamén oportunidades de “ingreso extra” para as persoas que viven no rural. O mesmo estudo de Airbnb destaca que no 2019 o turismo rural representaba un 12% das reservas na plataforma durante o verán e prevese para este verán que teñan incrementado un 22%.

As sesións formativas nas que colaboran a Deputación e Airbnb tamén están enfocadas a mellorar a presenza dixital da oferta de aloxamentos e experiencias da provincia, así como a satisfacer unha demanda xa existente ao ser, Pontevedra provincia, un destino seguro, sustentable e cun tecido empresarial dinámico e activo, que sabe reinventarse e adaptarse aos tempos. Neste eido, a plataforma Airbnb considera que Galicia se atopa entre as rexións de España onde as persoas anfitrioas ingresaron máis recursos no verán de 2020 e, da comunidade, Rías Baixas é o destino máis popular e o máis buscado en Internet..