A xunta presentará un recurso ante o Tribunal Constitucional se se manteñen as novas restricións

A Xunta oponse á nova normativa do Goberno central sobre os horarios na hostalería e o ocio nocturno e o límite das reunións. Polo tanto, se o Executivo estatal non retira as medidas, o Goberno galego presentará un recurso ante o Tribunal Constitucional, ao considerar que o texto invade competencias das comunidades autónomas.  

Así llo trasladaron o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, a representantes do sector da hostalería e do ocio nocturno, aos que informaron da posición que a Asesoría Xurídica da Xunta xa ten avanzada. 

A Xunta incide en que, ademais de invadir competencias das autonomías, a nova norma estatal publicada o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE) esixe uns horarios ríxidos ata acadar a inmunidade sen ter en conta a evolución da situación epidemiolóxica en cada territorio. 

Deste xeito, o Goberno galego advirte de que de manterse esta normativa sen unha aplicación flexible en función dos datos de cada comunidade, no caso de Galicia o Goberno central estaría a bloquear durante meses o avance na desescalada gradual e prudente que se está a levar a cabo ata agora no marco das reunións semanais do comité clínico e, sempre segundo a evolución epidemiolóxica en cada momento. 

Nesta liña, a norma do Goberno central tampouco posibilitaría ampliar ao 75% a capacidade do interior dos establecementos do sector da hostalería como estaba previsto se a comunidade galega continuaba mellorando os seus índices. 


Por iso, a Xunta espera que na reunión do mércores do Conselllo Interterritorial entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, o Executivo central rectifique e permita a posibilidade de axustar as medidas á situación de cada autonomía. 

En ambos encontros, informouse de que a Xunta vén de aprobar o 3º Plan de Rescate, a través dos que se distribuirán os 234,4 millóns dos fondos aportados polo Estado que corresponderán á Galicia, e que supoñen o 3,3% dos 7.000 millóns que se repartiron en toda España. Dentro da escasa marxe de manobra que o Goberno central deixa ás comunidades, Galicia priorizará que as axudas cheguen ás persoas traballadoras autónomas e microempresas, que supoñen o 97% do tecido produtivo galego, reservando para eles o 85% do plan. 

Cos dous primeiros plans de rescate a Xunta mobilizou un total de 182 millóns de euros de fondos propios co obxecto de aportar liquidez a autónomos, microempresas e actividades afectadas polos peches sanitarios durante a pandemia e contribuír á permanencia do emprego e da viabilidade destes negocios. Máis da metade dese diñeiro, cun total de case 87 millóns de euros, destináronse ao sector da hostalería.  

Por outra parte, e pese ás normas do Goberno central, a Xunta seguirá coa proba piloto no ocio nocturno o vindeiro sábado en seis establecementos, concretamente en dúas discotecas e catro pubs de concellos con niveis de restricións medio-baixos co obxectivo de garantir a saúde e a seguridade de traballadores e clientes.