O Concello da Coruña e a Deputación participan este días na feira CM Málaga para promocionar o turismo cultural na cidade e na provincia. Na xornada de onte presentouse no evento un novo produto sobre a figura de Pablo Picasso, a ruta Picasso. A Deputación da Coruña a través do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou a relevancia dos recursos de turismo cultural para a recuperación do sector afectado pola pandemia.
Ademais da participación no Elevator-Forum e no Congreso, a área de Turismo da Deputación da Coruña ten un stand no Palacio de Ferias y Congresos de Málaga onde se está a celebrar o CM Málaga.
O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou que o interese que esperta a Ruta Picasso na CM Málaga responde a "unha relación natural de aproveitamento de sinerxias entre dúas cidades que están marcadas na biografía dun artista mundial que naceu en Málaga e pasou a súa infancia na Coruña, onde realiza a súa primeira exposición".
Xosé Regueira insiste en que, "cando a Deputación da Coruña foi convidada a participar neste evento centrado na transformación das cidades a través dos museos non tivemos dúbida en implicar o Concello da Coruña para difundir non soa dimensión dos seus centros museísticos senón tamén a presenza de Picasso como recurso turístico de futuro", explicou, arredor da Ruta Picasso que conta co apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos plans de mellora de calidade e competitividade do produto turístico aos entes de xestión.
"Consideramos desde o primeiro momento que tratar de tender unha ponte con Picasso de fondo entre dúas cidades, Málaga e A Coruña, a primeira un balcón sobre o Mediterráneo e a segunda unha sobre o Atlántico, a primeira onde nace o sol e a segunda onde morre, podería ser interesante para proxectar a cultura das propias cidades e, tamén, a totalidade da cultura do territorio das provincias", explica Xosé Regueira que mantén durante estes días distintos encontros co obxectivo de promocionar distintos recursos de turismo cultural da Coruña.
A nova ruta turística, sinalou a alcaldesa da cidade, Inés Rey, supón un paso máis na difusión da obra e vida de Pablo Picasso na Coruña. "O seu paso pola cidade deixou pegada en varios espazos, arquitectónicos como a súa casa, o Eusebio da Guarda, o Teatro Rosalía de Castro ou a Torre de Hércules; e físicos, como as praias de Riazor e Orzán ou o parque de Santa Margarida", indicou Rey.
A Ruta Picassiana ofrece, a través dun código QR que as e os visitantes atoparán en placas nas fachadas de cada unha das localizacións do percorrido, información adaptada para ler no smartphone e audioguías sobre cada un dos espazos explicados desde a perspectiva de Pablo Picasso. No portal web de Turismo de Coruña tamén se pode atopar o folleto dixital do percorrido.
Picasso viu a súa primeira luz en Málaga, pero é na Coruña onde nace o pintor. A rexedora agarda que a nova ruta achegue a figura de Picasso durante o seu paso pola Coruña tanto ás e aos coruñeses como ás persoas que visiten a cidade.
Rey destacou o vínculo "picassiano" que Málaga e A Coruña gardan, irmás desde o ano 2013 na memoria de Pablo Picasso, e apuntou que "ambas as cidades son as únicas que conservan en forma de museo unha vivenda onde residiu o artista malagueño".
Promocionar os destinos culturais da cidade e da provincia é o obxectivo da presenza do Concello e da Deputación da Coruña na primeira edición da CM Málaga, un evento que afonda na transformación dixital de museos e centros de arte en relación coa sustentabilidade e xestión de recursos, con especial atención á recuperación do sector turístico.
Inés Rey participará mañá nunha mesa de debate sobre a dimensión turístico-cultural nas novas urbes. A rexedora presentará e defenderá o turismo cultural como "unha grande oportunidade para achegar a singularidade e identidade da Coruña convidando a descubrir un destino de gran riqueza patrimonial e unha variada oferta cultural nun espazo facilmente transitable a pé e que conta con interesantes infraestruturas turística de calidade para acoller un turismo experiencial que apela aos cinco sentidos".