A EVEGA organiza talleres formativos no salón Vinis Terrae


A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), participará na novena edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, VinisTerrae, organizando unha serie de talleres formativos. Os obradoiros, que cubriron todas as súas prazas e mesmo un deles tivo que ampliar a súa oferta, estarán enfocados ao uso das TIC como ferramentas de xestión e márketing e as ferramentas e claves para a reinvención das empresas vitivinícolas

O luns 14 dará comezo ás 9:00 horas o primeiro dos talleres prácticos sobre as TIC como ferramentas de xestión e márketing, enfocado ás redes sociais. O obradoiro, impartido por María Porto Corujo (Licenciada en Publicidade e Relacións públicas especialista en xestión de redes sociais), ten como obxectivo amosar as vantaxes do uso das TIC na xestión dunha empresavitivinícola ademais das posibilidades estratéxicas destas no márketing dixital e na venda en liña. Para iso, na sesión identificaranse casos de éxito para o sector vitivinícola e elaboraranse contidos formados por texto e imaxes para a comunicación dixital da súa empresa nesta rede social.

Do mesmo xeito, o martes 15 impartirase a partir das 9:00 horas tamén un novo taller, esta vez sobre as ferramentas e claves para a reivindicación das empresas vitivinícolas. Co gallo, "adaptarse para sobrevivir", o relator Julio López Nogueira (Licenciado en Ciencias Políticas e consultor de empresas e de desenvolvemento de negocio) ensinará aos participantes a maneira de detectar os novos hábitos de consumo e avaliar a capacidade nas propostas de valor dos negocios para satisfacer esas novas necesidades. Así, reflexionará sobre a situación actual do sector vitivinícola co finde amosar as oportunidades futuras do sector.

Ambos talleres están orientados a todo o público, con especial interese a responsables de pequenas empresas e das áreas de márketing, viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos regulares, persoal investigador e mozos e mozas agricultores ou adegueiros en activo.

Ademais dos obradoiros, ofreceranse paralelamente dúas catas dos viños premiados nas últimas Catas de Galicia 2020, tanto de branco como de tinto. A cata de acios brancos celebrarase o luns ás 12:30, mentres que a de acios tintos terá lugar o martes no mesmo horario.