A Deputación de Lugo presenta a APP Turisgalicia Ribeira Sacra


A Deputación de Lugo presentou a APP Turisgalicia Ribeira Sacra, unha guía dixital que permite un acceso rápido e sinxelo a información útil e actualizada sobre os recursos patrimoniais, hostalería, hospedaxe, rutas, actividades e eventos da comarca. A institución provincial é a principal patrocinadora desta nova ferramenta para a promoción turística da Ribeira Sacra, que “axudará a recuperar a actividade dos sectores económicos que máis sufriron os efectos da pandemia: o turismo, a hostalería e o comercio local”, subliñou o presidente provincial José Tomé.

Xunto ao Presidente, no acto de presentación da APP participaron a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, alcaldes e representantes municipais dos concellos da Ribeira Sacra, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e Alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, ademais de Antía Vázquez Gómez, representante de Turisgalicia.

A aplicación para dispositivos móbiles Turisgalicia Ribeira Sacra contén unha guía de ocio actualizada, unha selección de experiencias de turismo, deportes e ocio, lugares de interese, unha oficina virtual de turismo, un apartado específico sobre o Camiño de Santiago con todos os recursos para o peregrino, unha relación de adegas, rutas e outra relación de centenares de empresas o que axudará á promoción do comercio local.

Os contidos da APP actualizaranse diariamente con novos eventos culturais e información dos concellos da Ribeira Sacra. Incorpora tamén un sistema de xeolocalización que permitirá coñecer de xeito instantáneo os recursos turísticos máis próximos e como chegar a eles. A APP Turisgalicia ofrece ademais un servizo de información de utilidade para os concellos e os veciños e veciñas, xa que integra un apartado de información municipal. Está dispoñible en castelán e galego, e pódese descargar en dispositivos Android e Apple.

Para dar a coñecer a APP Turisgalicia Ribeira Sacra, divulgarase en canles dixitais, redes sociais e internet e distribuirase información sobre ela cun código QR en hoteis, restaurantes e oficinas de turismo dos concellos da comarca. Tamén haberá folletos informativos en albergues ao longo de todo o Camiño de Inverno, que abrangue máis de 200 quilómetros, dende Ponferrada ata Santiago. Difundirase en medios de comunicación, estará visible en vallas publicitarias da Ribeira Sacra e presentarase en feiras e encontros de turismo.