A Deputación da Coruña achega 300.000 euros para suplementar o Bono Turístico da Xunta


A Deputación da Coruña achega 300.000 euros para suplementar o Bono Turístico da Xunta de Galicia. Valentín González Formoso destacou a importancia da colaboración entre ambas as dúas administracións para dar apoio aos sectores turístico e hostaleiro "nun momento no que a reactivación económica debe ser o grande obxectivo".

González Formoso tamén remarcou esta colaboración nun momento coma este, "no que os sectores hostaleiro e turístico levaron o maior pau desta pandemia, que foi tamén económica, e que requiren, loxicamente, de apoio público que incentive o consumo responsable".

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, asinaron o convenio entre ambas as dúas institucións. Na firma estivo presente o vicepresidente provincial e responsable de Turismo, Xosé Regueira, e o xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia.

A institución provincial financia coa contía achegada o 31,43% do gasto previsto para os beneficiarios e beneficiarias potenciais da provincia da Coruña. A cifra permitirá, sumándose esta a outra achega da Xunta, que se beneficien deste Bono Turístico cerca de 4.000 persoas máis, que estaban en listaxe de espera. Así o indicou o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda. "O sector turístico sufriu especialmente nesta crise, polo tanto a nosa obriga é axudalos", explicou. "O Bono Turístico demostrou, primeiramente, as ganas que temos todos de movernos e de empezar a viaxar e facer turismo e, despois, as ganas que temos de facelo en Galicia e de axudar ao sector hostaleiro e turístico".

Na súa intervención Rueda tamén fixo mención á importancia de cooperación entre a Deputación e a Xunta, "a colaboración vai por riba de cores políticas. Cando os obxectivos merecen a pena, tamén merece a pena que os fagamos xuntos".