A Aula Gastronómica Galicia Calidade celebrou no IES de Foz a última acción formativa


O cociñeiro Yayo Daporta e dono do restaurante que leva o seu nome, situado en Cambados, foi o encargado de realizar a última acción da Aula Gastronómica Galicia Calidade que se desenvolveu no IES de Foz. Ante unha ducia de alumnos de primeiro curso de Dirección de Cociña, o restaurador pontevedrés elaborou un menú baseado nos principios básicos do seu facer gastronómico: o bo gusto e o sentido común que dan lugar a unha cociña tradicional, innovadora cun toque emocional e da terra.

O menú proposto por Yayo Daporta consistiu en fabas de Lourenzá estofadas con cocochas de merluza ao pil-pil, navallas ao natural, canelón de tartar de navalla e pil-pil de pescada de Celeiro. Tamén elaborou este excelente peixe ao vapor acompañado de moluscos e ameixas ao natural; crema de pementos de Herbón e xarda ou xurelo mariñado e asado, espaguete mariño e pan de millo. Finalmente, Yayo Daporta propuxo unha mousse de queixo de Arzúa e marmelada de pementos de Herbón.

Trala benvida feita polo director do IES, Nicolás Asensio Nogales, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destacou que esta acción culmina a rolda iniciada en abril no IES Compostela de presentación e divulgación dos produtos e cociñeiros avalados por Galicia Calidade entre o alumnado dos centros da Comunidade nos que se estuda a rama profesional de Hostalería e Turismo.

“Estamos seguros de que os futuros cociñeiros de Galicia serán quen de levar a nosa marca nos seus proxectos a afianzala aínda máis como referente da excelente gastronomía que se fai en Galicia grazas aos produtos de calidade cos que contamos”, asegurou Alfonso Cabaleiro.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, salientou o interese que está a espertar esta iniciativa promovida cofin de achegaraos futuros profesionais da restauración galega os máis de 600 produtos certificados por Galicia Calidade. Animou ao alumnado a sacar proveito “de experiencias innovadoras como esta que contribúen a elevar o nivel das ensinanzas da Formación Profesional galega”, que a día de hoxe son un modelo de referencia no conxunto do Estado.