A agricultura ecolóxica supera en Galicia os 108 millóns de euros en vendas


O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) pechou 2020 cun volume de vendas de produtos certificados por importe de 108.366.111 de euros, 15,58 millóns de euros máis que o ano 2019, pese a pandemia.

Así se reflicte namemoria anual correspondente a 2020, que se deu a coñecer mnun acto celebrado no pazo de Quián (Sergude, Boqueixón). Na cita estiveron presentes o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, xunto co presidente e o secretario do Craega, Francisco López e Javier García.

A produción animal leva o peso do Craega no que se refire ao volume de vendas certificadas. Con 63,12 millóns de euros, supón o 58 % do volume de vendas. A Coruña destaca como a provincia que máis medra en facturación. Despediu 2020 cunha cifra de 27,2 millóns de euros, un 30 % máis que no exercicio anterior.

Á marxe do leite, os ingresos do sector eco galego apóianse nas carnes (15,28 millóns de €), conservas de peixe (14,3 millóns de €) e nos ovos (7,8 millóns de €) como principais producións por volume. Ademais, esperta a produción vexetal, cun crecemento nos tubérculos, recolleita silvestre e na horticultura que tanto demanda o consumidor galego.

O presidente do Craega foi o encargado de abrir a sesión falando de que “o 2020, a pesar da pandemia, foi un bo ano para a agricultura ecolóxica. Javier García debullou os datos que se recollen na memoria, empezando polos da superficie ecolóxica, que nunha década medrou un 126 %, ata acadar as 32.055 hectáreas.

Para pechar o acto, o director de Agacal felicitou ao Craega polos bos resultados obtidos. “En Agacal hai 36 selos de calidade que son 36 oportunidades para mellorar o sector produtivo con calidade diferenciada dentro de Galicia, o máis relevante é como medran estes selos e un deles é o do Craega, que para nós é moi interesante”.