30 stands promocionarán os produtos do mar na II Feira da Conserva

Vilanova será un ano máis, durante os días 23, 24 e 25 de xullo de 2021, o escenario perfecto para exhibir e poñer en valor na segunda edición da Feira da Conserva os diferentes produtos que se extraen do mar, coas súas diversas receitas, e o escaparate óptimo para todas as empresas produtoras para mostrar a súa identidade. Tamén terán o seu sitio aquelas compañías que elaboren produtos que vaian tradicionalmente agregados ao consumo das conservas, como poden ser o viño ou os postres.

Esta celebración estará enmarcada á súa vez dentro de toda a programación municipal Sonatas de Verán 2021 e seguirá a súa mesma filosofía, como unha proposta cultural e de ocio destinada a toda a familia. Os produtos gastronómicos, protagonistas desta feira, estarán complementados por toda unha programación de contidos, como showcookings ou actuacións musicais e outros espectáculos. 

Os produtos desta feira alcanzarán a súa máxima vistosidade da man dos reputados cociñeiros participantes na feira: Miguel Mosteiro, Yayo Daporta e Rui Ribeiro, que levarán a cabo unha serie de sesións Show Cooking, orientadas a todos os públicos e cos produtos de conserva e da nosa terra sempre presentes.

Outorgaranse unha serie de mencións de honra coma o Premio ao mellor stand, Premio á innovación, Premio á mellor tapa dos establecementos hostaleiros que participen na “Ruta da Feira”.

E non faltarán as actividades para os máis cativos, un obradroio con Arenaria Coordinación dará a coñecer a parte científica da cociña galega, divulgando a importancia do respecto polas épocas de veda e os tamaños legais mínimo, nin a música, con concertos de Roi Casal, All of me on M80

Por suposto a execución de toda esta celebración terá en conta asegurar en todo momento todas as medidas sanitarias, cumprindo coa distancia de seguridade e o control de aforo, permitindo aos asistentes circular polo recinto nun ambiente seguro.

Formarase un perímetro pechado que permita circular cómodamente a todas as persoas por cada un dos postos e que faga posible controlar tanto as medidas sanitarias do Covid-19 como así tamén a propia vixilancia das pertenzas de cada empresa.

Os postos para venda e degustación irán montados en stands tipo haima, cunhas medidas de 5x5 metros (como os das imaxes) e contarán con luz e electricidade, un mostrador de 2,5 metros, unha mesa e dúas cadeiras. Todo isto cedido de forma totalmente gratuita pola organización. 

Este será sen dúbida o ano de consolidación para unha celebración -Impulsada polo Concello de Vilanova de Arousa coa colaboración, da Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar e a Consellería de Industria- que obtivo xa no pasado ano 2020 un enorme éxito.