Sinalización homologada do Camiño nos locais da hostalería de Vigo

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou co presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra, César Ballesteros, un protocolo para poder instalar a sinalización homologada do Camiño nos locais da hostalería de Vigo que se sitúen na ruta do Camiño Portugués da Costa. A Xunta ofrece así unha alternativa ao tramo da ruta na cidade, o único sen sinais oficiais ao non contar con autorización municipal.

Alfonso Rueda agradeceu a colaboración do sector para poñer en marcha esta iniciativa que permitirá aos locais que o desexen exhibir uns vinilos cedidos pola Xunta para guiar aos peregrinos no seu percorrido cara Compostela, un deles coa cunha que representa precisamente aos camiñantes e outro coa frecha que indica que se trata dun itinerario oficial. Neste caso, o trazado do Camiño Portugués da Costa foi recoñecido de forma oficial no ano 2009 e foi un dos que máis medrou en afluencia nos últimos anos.

Por iso, o vicepresidente primeiro da Xunta lamenta que o alcalde de Vigo se manteña desde 2018, cando comezou o proxecto para sinalizar esta ruta, na súa negativa de instalar elementos de referencia para os peregrinos na cidade que contribúan a facilitar o seu percorrido. Neste sentido, destacou que os camiños son unha fonte de riqueza e correspóndelles ás administracións poñelos en valor.

Ademais, lembrou o compromiso da Xunta para que a cidade contase co albergue de peregrinos que se merece neste Xacobeo 21-22, no que investiu 1,6 millóns de euros. O novo albergue público permitirá acoller a 93 persoas nun edificio de seis plantas cunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento e co que contribuír a mellorar a cidade e a experiencia xacobea.

Así, incidiu que mentres o Goberno galego traballa para ter tódalas infraestruturas e tódolos camiños a punto neste Ano Santo que será o motor de recuperación económica da comunidade, o concello de Vigo prive aos peregrinos de contar coa información que precisan e aos veciños e negocios de sectores como a hostalería dos incentivos económicos que supón para a cidade contar cun tramo dunha ruta xacobea oficial.