Os Maios urbanos de Pontevedra e Ourense

A festa dos maios é a recreación de antigos cultos agrarios que tiñan por obxecto festexar o fin do inverno e celebrar a chegada da primavera para favorecer a obtención dunha boa colleita. Nos catro puntos cardinais de Galicia ten memoria histórica os Maios, nalgunha das tres modalidades: enxebres ou humanos, simbólicos ou figurados e os artísticos, como certificou Vicente Risco

Na actualidade, os Maios urbanos que gozan de maior tradición e vixencia son os de Pontevedra e Ourense. Na capital das Rías Baixas, con Poio, entre outros, a forma tradicional dos Maios segue sendo cónica, recubertos de fiúncho, espadanas, xestas..., e adórnanos con cascas de ovo, laranxas e flores de todo tipo, tanto de xardín como silvestres.  Como remate, na parte superior, adoitan levar unha artística e vistosa coroa feita cos mesmos materiais.

En Ourense, os tradicionais son máis altos e estreitos, rematando nun pequeno arco dentro do que adoita haber unha campanilla e, enriba, unha cruz. Tamén son levados en andas polos nenos. Están feitos con xestas e musgo, e decorados, ademais de con flores (aínda que poucas), con carrabouxiños ou bugallas do carballo.

En ambos, o xefe da cuadrilla se oculta para cantar debaixo do maio, mentres que os restantes membros do grupo van dando voltas acompasadamente collidos das mans, e repetindo as estrofas do solista, de compoñente satírico. As letras denuncian todos aqueles feitos notorios do ano. Aquí un exemplo de 1923, referíndose ao nulo labor do gobernador civil, dicía:

“Señoras e señores poñan atención
que imos falar do Sr. Gobernador
Nin é alto, nin é baixo, nin é malo, nin é bó
parece un reló parado dentro dá Deputación”

En Pontevedra, até o vindeiro 29 de maio, instálase unha exposición en escaparates comerciais da cidade con fotografías da festa dos de diferentes colexios e asociacións do concello realizadas polo fotógrafo Xosé Carlos Morgade entre os anos 1991 e 2019.

Os propietarios dos baixos comerciais colaboran con esta iniciativa permitindo rotular os seus locais con 44 vinilos situados nas rúas: Michelena, Gutiérrez Mellado-Oliva, Sabela II, Palma, Peregrina, Travesía do Comercio – Manuel Quiroga, praza de Ourense, Don Gonzalo, Pasantería, Ferraría, Sarmiento, Ferreiros, rúa da Ponte e rúa Real.

Tamén diferentes rúas de Ourense celebraron os maios cnha edición especial na que gracias a iniciativas populares se mantivo esta tradiconal celebración.