A Coruña Convention Bureau pretende converter á cidade en referente no turismo MICE


O A Coruña Convention Bureau botou a andar este luns cunha reunión extraordinaria do seu padroado na que se aceptaron os cargos e se deron os primeiros pasos para comezar a traballar na procura de lograr o obxectivo de lograr que a cidade sexa unha referencia no turismo MICE. 

Nesta primeira reunión convocada polo presidente José Blanco establecéronse as liñas xerais do plan de actuación sobre o que traballará a Fundación de aquí en diante, baseado en primeiro lugar nunha potente campaña de comunicación ou a rede de embaixadores locais. Na xuntanza informouse de eventuais e novos socios colaboradores do Convention Bureau así como tamén se fixo a solicitude expresa de integración da Fundación A Coruña Convention Bureau no Consorcio de Turismo da cidade.

Ademais, o presidente e a xerenta do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña presentaron aos representantes do sector reunidos no A Coruña Convention Bureau, para o seu consenso, o primeiro borrador do plan de sustentabilidade turística que se presentará ao Ministerio de Turismo e Industria. Neste plan destacan varias propostas como a dixitalización dos museos da cidade, o apoio e asesoramento en transformación dixital ás PEMES do sector turístico, a escoita activa, a intelixencia turística, a comunicación e a sinalización dixital ou a creación da oficina de turismo virtual.

Este plan tamén avanza na posta en valor do turismo deportivo vencellado ao mar, a dinamización da Torre de Hércules coma monumento histórico e da lonxa da Coruña coma espazo turístico. O presidente do Consorcio de Turismo e concelleiro de Turismo do Concello da Coruña sinalou que "queremos que este sexa un plan consensuado con todo o sector turístico para demostrar que na Coruña temos un sector turístico unido e que loita conxuntamente por facer unha cidade mellor".