O Comité Europeo das Rexións analizou a recuperación do sector turístico, hostalería e restauración

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou no terceiro pleno do ano do Comité Europeo das Rexións (CdR), celebrado de forma virtual con máis de 300 representantes rexionais e locais debateron sobre as dificultades atopadas para a recuperación do sector turístico, hostalería e restauración.

O comisario de Mercado Interior, Thierry Breton, explicou como este é o sector cun déficit de investimento máis elevado de entre os 14 ecosistemas definidos na Estratexia Industrial da UE. Estímase que hoteis e restaurantes perderon de media un 85% dos seus ingresos, ao igual que os operadores turísticos e as compañías aéreas. Breton instou a utilizar o Mecanismo Europeo de Recuperación e os fondos europeos 21-27 para reinventar a industria turística e impulsar a súa transformación dixital e sostible. 

Pola súa parte, os membros do CdR avogaron por un novo Marco Europeo de Turismo Sustentable, aliñado co Pacto Verde e a Axenda 2030 das Nacións Unidas, que teña en conta as estratexias rexionais pertinentes e que inclúa un plan para a redución da burocracia na lexislación comunitaria que afecta a este sector. O CdR propón, ademais, impulsar a marca de turismo europeo para manter e seguir impulsando o liderado europeo no eido internacional, dado que a UE xa acapara o 40% das visitas turísticas. 

Resolución sobre o certificado verde dixital e o aumento da produción de vacinas 

Onte, o CdR adoptou unha resolución sobre a libre circulación durante a pandemia na que acolle favorablemente a proposta de certificados interoperables non só de vacinación, senón tamén de probas diagnósticas e de recuperación da COVID-19. O CdR suxire tamén que se modifique o artigo 1 da proposta de Regulamento para aclarar que o certificado verde dixital non afectaría ao dereito dos traballadores transfronteirizos a desprazarse liremente entre o seu fogar e o seu lugar de traballo durante a pandemia.