O AECT Rio Miño pide "coherencia" á Xunta para a apertura da fronteira con Portugal


O AECT Río Miño vén de solicitar á Xunta de Galicia "coherencia" sobre a apertura da fronteira con Portugal e que deixe sen efecto a perimetraxe autonómica no territorio miñoto. O vicedirector do agrupamento europeo, Uxío Benítez, subliña que as restricións impostas polo goberno galego só deixando cruzar por motivos xustificados "non ten sentido" por motivos sanitarios, xa que a parte portuguesa ten mellores datos de incidencia acumulada que a parte galega.

Segundo destaca Benítez, hai unha contradición manifesta da postura da Xunta cando era o goberno central o que mantiña pechada a fronteira e agora, cando lle corresponde tomar decisións como autoridade sanitaria: inicialmente estaba a favor da apertura de todos os pasos e de flexibilizar a mobilidade e agora avoga por manter o peche.

O deputado provincial lembrou que o pasado 3 de marzo, cando os datos sanitarios eran moito peores, o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda participou nunha reunión co presidente da CCDR-N e representantes das tres Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ante os que o mandatario galego apoiou que se mantiveran abertos o maior número de pasos fronteirizos posibles e se tiveran en conta as peculiaridades das áreas fronteirizas como a do Miño.

Benítez, amais, abondou afirmando que o territorio miñoto da fronteira é igual tanto na súa parte galega como portuguesa, estando nestes momentos mellor sanitariamente a parte lusa, cunha incidencia acumulada menor. Por iso solicitou ao goberno galego que levante a perimetraxe na fronteira con Portugal e "deixe de afogar" a un territorio que estivo os tres últimos meses na "ruína" por decisións políticas dos gobernos estatais de Madrid e Lisboa.