Nava Castro participa no primeiro dos Encontros Fitur 2021, centrado na recuperación

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou onte en Madrid no primeiro dos Encontros Fitur 2021, que se están a desenvolver en IFEMA ata o 14 de maio coa participación de destacados representantes do sector turístico. En concreto a directora de Turismo de Galicia participou na Mesa de Destinos Nacionais xunto ao seus homólogos de Castela e León,  Estrella Torrecilla, de Madrid, Eduardo Dehesa e de Murcia, Juan Francisco Martínez. 

O debate, conducido polo xornalista especializado, Fernando Valmaseda, centrouse nas estratexias de recuperación que as comunidades autónomas están a por en marcha para a recuperación do sector turístico. Neste sentido, Nava Castro destacou o posicionamento de Galicia como destino seguro e o apoio que o Goberno galego despregou para garantir a supervivencia do tecido empresarial a través dos plans de rescate que a Xunta leva postos en marcha, “que nos permitiron mobilizar xa preto de 180 millóns de euros para os sectores máis afectados, aos que se seguirá sumando axudas co terceiro plan de rescate no que estamos a traballar”. 

“A cooperación está no ADN turístico de Galicia”, afirmou Castro quen destacou que o diálogo continuado co sector está a permitir fixar unha nova folla de ruta para a recuperación do conxunto do sector turístico galego a través do Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023 no que o goberno galego  está a traballar da man do Clúster Turismo de Galicia. 

Iniciativas de éxito

A posta en  marcha de iniciativas como o seguro coronavirus, que está a piques de comezar a funcionar, o programa de fomento do turismo interno Elixe Galicia que ven de reactivarse ou a tarxeta turística #QuedamosenGalicia, que tan boa acollida tivo entre público e sector, tamén ocuparon boa parte da intervención da directora de Turismo de Galicia, quen destacou a importancia de intercambiar experiencias con outros territorios, tal e como fixo Galicia con Canarias, trasladándolle o seu coñecemento para a posta en marcha dunha iniciativa similar ao bono turístico. 

 “Esta crise está sendo un catalizador de moitos cambios no modelo turístico polo que temos que aproveitar para saír reforzados, reposicionando o destino Galicia nos mercados nacionais e internacionais e aproveitando o impulso que nos da a celebración deste Xacobeo dobre”, explicou. 

Os Encontros continuarán nos vindeiros días abordando debates arredor doutros segmentos turísticos como intermediación, transporte, hoteis ou multiproduto turístico. 

Todos os debates pódense seguir por streaming a través da nova plataforma dixital FITUR LIVE Connect que estrea este ano FITUR, e televisados na Canle 125 de Movistar, entre outras plataformas.