Informe sobre a situación das salas de música na Coruña


O deputado de Cultura, Xurxo Couto, xunto co presidente e secretario de Clubtura, Alberto Grandío e Tomás Legido, presentaron na Deputación da Coruña o informe que mostra a situación das salas de música despois do peche provocado pola pandemia. O estudo manifesta a situación crítica do sector mais tamén augura que as salas se manterán despois do fin do peche polos protocolos da covid. 

A provincia da Coruña conta cunha vintena de salas de concertos privadas. Delas, máis do 90% son socias de Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, e albergan entre elas máis do 85% da programación musical da provincia. O informe "Estudio sobre as salas de concertos na provincia da Coruña" analiza a súa situación a través dun proxecto levado a cabo por Clubtura co financiamento da Deputación da Coruña, que busca afondar na realidade dun sector que leva máis dun ano inactivo, o que supón un risco inasumible para a industria musical galega.

O informe foi presentado esta mañana por Xurxo Couto, Deputado de Cultura, Alberto Grandío, Presidente de Clubtura, e Tomás Legido, Secretario da entidade, que foi o encargado de debullar os datos recollidos nun documento que, segundo explicaba o propio Alberto Grandío, "busca facerlles ver ás diversas administracións que colaborar a creación e mantemento de salas de concertos nas súas localidades é un investimento en cultura e en cohesión social de grande impacto de cada euro público que se achegue". 

O deputado de Cultura, Xurxo Couto afirmou que "as salas de concertos en xeral e todos os espazos vinculados das artes ao vivo están a pasar unha situación crítica por causa da covid e, polo tanto, estes espazos deben ser tidos en conta nas accións políticas de recuperación económica porque son proxectos que máis alá do seu aspecto cultural xeran emprego de forma directa e indirecta e teñen que ser atendidas na súa dimensión cultural mais tamén económica".

O documento deixa clara a relevancia das salas privadas de concertos dentro do impulso cultural: "preto de 6000 concertos celebrados en 2019 en todas as salas galegas, uns 5000 deles en salas socias de Clubtura. Esa actividade cultural está en risco", explica Tomás Legido, que recalca que "o estudo pon de manifesto os múltiples efectos beneficiosos que ten a existencia de salas de concertos no aspecto cultural, turístico, social e económico para unha localidade"

Mentres en diversos países da Unión Europea hai anos que as salas privadas reciben apoio económico e recoñecemento o seu labor dende as institucións, en España esta colaboración é escasa ou incluso nula, "algo que se viu agravado tras a crise COVID", tal e como explican dende Clubtura, que incide na importancia dunha análise que "denuncia ademais a problemática derivada da non actualización das licenzas existentes ao novo catálogo aprobado na Lei de espectáculos por parte dos concellos galegos".

Parte do Estudo céntrase en 17 concellos de máis de 10000 habitantes nos que non hai salas de concertos para coñecer a viabilidade de que se implanten alí novos proxectos, algo que dende Clubtura consideran de vital interese "para garantir o acceso á cultura de todos os cidadáns da provincia da Coruña, independentemente do seu municipio de residencia".