Formalizada a constitución do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro


Aposta polo patrimonio arqueolóxico, posta en valor de recursos históricos, promoción do turismo cultural e de calidade e cooperación institucional son algúns dos eixes do convenio de colaboración co que se materializa a constitución do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro. O acordo foi asinado hoxe por representantes dos concellos de Porto do Son, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo nun acto en que participaron o presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e Xosé Regueira.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero García; o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García; o de Rianxo, Adolfo Muíños; o de Ribeira, Manuel Ruíz Ribas e o concelleiro de Porto do Son, Juan Pouso e o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, asinaron esta mañá o convenio de colaboración polo que se formaliza o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro co que se dá un paso definitivo para o impulso dunha iniciativa de especial interese patrimonial, cultural e turístico do territorio da Arousa Norte e a Barbanza.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que co acordo asinado hoxe, "a Deputación da Coruña suma forzas cos concellos Porto do Son, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal e Rianxo para facer do patrimonio arqueolóxico, histórico e etnográfico da comarca un atractivo máis para o turismo nunha comarca con múltiples e diversos atractivos".

No acto de sinatura, o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou que co convenio dáse un "impulso definitivo por un turismo sostíbel e de calidade, aproveitando recursos de especial interese para o territorio como é o seu riquísimo patrimonio que contribuirá a diversificar un destino coñecido por outros valores seguros como son as súas praias, a súa paisaxe ou a súa gastronomía".