Éxito das rutas da Deputación de Lugo para conmemorar o Día da Transrománica


A Deputación de Lugo esgotou nun tempo récord de cinco días as 112 prazas das 14 rutas que programou para conmemorar o Día da Transrománica, este vindeiro domingo, 9 de maio. As persoas interesadas en participar nalgunha das propostas, unicamente poden acceder ás prazas de reserva restantes. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou o éxito da iniciativa impulsada pola institución provincial, coa que “buscamos poñer en valor entre apropia veciñanza o patrimonio da provincia e favorecer o turismo de proximidade, algo especialmente importante e necesario para facer fronte ó impacto da pandemia”.

As persoas que teñen reservada a súa praza poderán coñecer a Catedral e casco histórico de Lugo; a Igrexa de Santa María de Pesqueiras e Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a Igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo, ou San Paio de Diamondi, no Saviñao, entre outros. Ademais, inclúese unha visita á igrexa de Santa María, en Meira, e á Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.

García Porto celebrou “a boa acollida desta iniciativa na que participamos por primeira vez e coa que agardamos que os veciños e veciñas de Lugo se convertan nos mellores embaixadores do noso patrimonio”. “Estas actividades impulsadas pola Deputación de Lugo van en liña coa nosa aposta: un turismo de calidade, non masificado e de proximidade”, destacou a Deputada.

Estas 14 propostas realízanse en consonancia cos restantes membros da asociación Ruta Transrománica alcanzando os recursos patrimoniais unha proxección internacional. Así mesmo, durante a xornada, García Porto participará nun audiovisual no que se darán a coñecer todos os membros da Ruta Transrománica gravado ante a igrexa de San Xoán ou San Nicolás de Portomarín, e no que invitou a visitar as 10 igrexas incluídas na Ruta Transrománica da provincia de Lugo cando a situación sanitaria mellore.