“É o teu momento”, a Campaña de Pontevedra chega a FITUR o vindeiro martes

“É o teu momento”. Con esta apelación directa a volver a desfrutar no destino Rías Baixas, a Deputación de Pontevedra presentará o próximo xoves, ás 12.00h na Feira Internacional de Turismo “Fitur”, “unha proposta ilusionante, innovadora, tecnolóxica e baseada nas emocións e nas experiencias que, unha vez máis, sorprenderá ao recinto de Ifema”, en palabras da presidenta Carmela Silva.

O Salón de Plenos albergou o acto de presentación da campaña e tamén das liñas de acción do II Plan Estratéxico de Turismo, folla de ruta da Deputación para os vindeiros tres anos. O evento, moi visual, musical e festivo coa actuación de Nadja Sami e a proxección de imaxes e audiovisuais de Rías Baixas, contou coa asistencia do sector e de alcaldes e alcaldesas de concellos como Baiona, Lalín, Cangas, O Grove, O Rosal, A Cañiza, Forcarei, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponte Caldelas, Salvaterra, Barro, Moraña, Vilaboa, A Guarda, Fornelos ou A Illa, amais de concelleiras/os do resto dos concellos da provincia.

“É o teu momento” chega a Fitur

“En Fitur facemos, agora si, unha chamada directa a viaxar á provincia, a que elixan o noso destino como lugar no que vivir experiencias únicas e tamén seguras”, asegurou a presidenta Carmela Silva. A proposta provincial, que poderá seguirse por streaming en www.depo.gal e a través da canle da institución provincial en Twitter, “será unha presentación chea de frescura e de optimismo, unha chamada á acción para que as persoas turistas se preparen para visitar a nosa provincia porque É O TEU MOMENTO”.  Contará “co valor engadido de mulleres talentosas e referentes da creatividade cultural en Galicia que poñen voz e alma ao noso relato do turismo”. Silva referiuse con elo á artista Woiza, a voz da mensaxe, á poeta feminista Lúa Mosquetera, coguionista “dun relato que non deixará a ninguén indiferente”, e á reporteira viguesa Noa García, que se encargará de conducir o acto. Amais, a presentación do destino “dará voz ao sector e porá cara, voz e espazos a toda a cadea de valor do sector turístico” contando coa colaboración de Miguel de la Cierva, do Náutico do Grove.

“É o teu momento” continúa a liña emocional de “Fame de experiencias” e “Sigue o teu instinto”, amosando que a provincia é un destino sostible, hospitalario, seguro e multiexperiencial. “Trátase dunha invitación a visitar a provincia para que as persoas turistas creen novos recordos para o futuro”, indicou Carmela Silva. A presidenta tamén explicou que a campaña vai dirixida tanto ás que xa coñecen a provincia como a aquelas que nunca viñeron, con accións de reforzo, promoción en redes sociais, reportaxes en revistas especializadas, prestando atención a Madrid, Barcelona, Asturias e País Vasco. Amais, continúa a estela de #momentosríasbaixas, que arrancou a comezos do 2021 e tivo xa un impacto de máis dun millón de persoas e, a través dos sorteos de experiencias, chegou a máis de 800.000 persoas de Madrid, Barcelona, Asturias, Bilbao, Sevilla, Córdoba e Málaga, entre outros lugares da xeografía estatal.