Cara a superación a crise, a Deputación da Coruña suma 300.000 € ao Bono Turístico

A Deputación da Coruña achega 300.000 € ao programa de Bono Turístico que xestiona a Axencia Turismo de Galicia co obxectivo de reactivar o sector da hostalaría e restauración. O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, destaca que "a colaboración da Deputación supón unha importante achega nun programa pensado para promover o consumo no sector e contribuír a superar a crise".

Os 300.000 € cos que a Deputación da Coruña participa no programa de Bono Turístico supón o 31,43% do gasto das persoas beneficiarias na provincia da Coruña. Neste sentido, xunto coa achega da Deputación da Coruña o orzamento do programa ascende a 2.300.000 € que se invisten nun programa deseñado para estimular a demanda turística interna.

"Neste momento todo indica que a recuperación do sector virá en boa medida do turismo de proximidade e, precisamente por iso, é necesario que as institucións traballemos conxuntamente para promocionar o consumo tanto en hoteis como restaurantes", explica o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

O bono vincúlase á adquisición de servizos turísticos nos establecementos do programa como unha tarxeta de prepagamento dun único uso. "A grande demanda que supuxo deixa tamén á vista que son moitas as persoas que se animan a coñecer o territorio e ser turistas na súa propia provincia", destaca Xosé Regueira que anima, despois da demanda do programa, a visitar os distintos xeodestinos da Coruña.

A iniciativa súmase ao apoio que a Deputación da Coruña está a realizar ao sector turístico a través Pel Reactiva cun orzamento de 9 millóns de euros para apoiar a hostalaría, a hospedaxe e as axencias de viaxe.