Abril rexistra en Galicia algo máis de 100.000 viaxeiros e máis de 192.000 noites

A demanda turística en Galicia neste primeiro cuadrimestre do ano tivo unha mellor evolución que a media nacional e o descenso é 34 puntos inferior ao  rexistrado no conxunto estatal. Así o reflicten os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que recollen que mentres que a caída da demanda a nivel nacional foi do 71% no período de xaneiro a abril de 2021 en Galicia foi do 37% respecto do mesmo período de 2020.

Neste contexto Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma con mellor recuperación da súa demanda turística no que vai de ano, só por detrás de Navarra e Castela a Mancha. Segundo os datos achegados polo INE, nestes primeiros catro meses do ano Galicia recibiu 270.395 viaxeiros que fixeron 575.048 noites. 

Se consideramos que en abril do ano pasado os establecementos estiveron pechados por mor da pandemia e se comparan as cifras de abril de 2021 co mesmo mes de 2019, os datos volven ser máis positivos para Galicia. A nosa comunidade caeu 13 puntos menos ca media nacional no que se refire á demanda turística en abril, rexistráronse en Galicia algo máis de 100.000 viaxeiros que fixeron máis de 192.000 noites nos establecementos hoteleiros da comunidade ao longo do mes pasado. Aínda que esta cifra apenas supuxo o 30% do total de pernoitas que se rexistraron en abril de 2019, si amosa que o noso territorio está rexistrando unha recuperación moito máis rápida ca outras comunidades autónomas. 

Esta recuperación é máis evidente no mercado interno, que consegue recuperar en maior medida os niveis de demanda previos á crise –presenta máis do 60% das noites de abril de 2019, con case 110.000-, mentres que o mercado nacional rexistra apenas o 20% do total da demanda de abril de 2019 –con preto de 65.000 noites- mentres que o internacional fica cun 10% do total previo á crise –con pouco máis de 18.000 noites-.

Por provincias, a recuperación foi máis evidente en Ourense (60% da demanda recuperada), seguida de Lugo (35%), A Coruña e Pontevedra (30%)