A musealización do castelo de Vilasobroso está en marcha


A musealización do Castelo de Vilasobroso, unha das xoias patrimoniais da provincia, está en marcha. A Deputación de Pontevedra ven de adxudicar á obra por un importe de 261.631 euros co obxectivo de que as persoas que visiten a fortaleza da comarca do Condado poidan gozar dunha experiencia audiovisual do século XXI nun conxunto monumental que afunde as súas raíces no século X. 

O proxecto permitirá achegarse á historia e aos valores artísticos do edificio con recursos audiovisuais apoiados nas últimas tecnoloxías. A empresa "Intervento2" será a encargada de deseñar, instalar e poñer en marcha un equipamento museográfico de gran atractivo e acorde coas tendencias da demanda turística, convertendo a visita a Sobroso nunha experiencia na que se mestura a aprendizaxe co entretemento.

A Deputación aposta por un modelo de turismo baseado nas experiencias, na que o castelo se converte en escenario para pezas teatralizadas en formato audiovisual cunha visita dunha hora de duración na que se efectúa un percorrido ascendente polas distintas estancias da fortaleza e a torre da homenaxe, para rematar na súa terraza cunha espectacular vista do Condado e Portugal, alén do río Miño. As visitas, que poderán realizarse en galego, castelán ou inglés, terán unha hora de duración e contarán con grupos reducidos de 15 persoas, con protocolo antiCovid mentres as circunstancias así o esixan.