A canle Mercaproximidade segue activa e continúa incorporando produtos locais


A canle Mercaproximidade continúa activa e segue incorporando novos produtos aos establecementos das dez cadeas de distribución adheridas a esta rede creada pola Xunta de Galicia ao comezo da pandemia da covid-19 para proporcionar alternativas de comercialización ante as restricións sanitarias. Máis de 450 industrias e produtores galegos se incorporaron á iniciativa para dar saída ás súas producións, que non só se distribuíron nos supermercados de grupos como Vegalsa-Eroski senón que tamén foron adquiridas pola Xunta con fins sociais.

Así o destacou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros na súa intervención nunhas xornadas organizadas polo grupo Vegalsa-Eroski baixo o lema “Diversxs. O resto é igual”, nas que participan representantes de diferentes entidades e organizacións do ámbito social e ás que tamén acudiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

O director xeral tamén se referiu ás campañas levadas a cabo nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa, para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas

Así mesmo, aludiu á campaña “Come Local” nos comedores escolares, co fin de promover o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nestes espazos educativos. En concreto, recordou que ata o vindeiro 31 de outubro se impartirá formación e asesoramento aos responsables dos comedores adheridos a este programa.

Neste senso, non só de trata de degustacións de menús especiais feitos con produtos de proximidade galegos senón que tamén se están a desenvolver actividades formativas, tanto sobre as características nutricionais dos propios produtos como sobre o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.