Segunda master class da Aula Gastronómica Galicia Calidade


A restauradora galega e copropietaria da casa de turismo rural ‘A Parada das Bestas’, María Varela, foi a encargada de impartir a segunda master class dentro do proxecto Aula Gastronómica Galicia Calidade, que pretende achegar os produtos e empresas avaladas pola marca galega aos alumnos e alumnas dos centros de hostalería de Galicia. Nesta ocasión, a cociñeira lucense amosou a súa mestría ante os estudantes do ciclo superior de Dirección de Cociña do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. 

Precisamente, foi o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o que presentou á cociñeira galega, que tamén conta co distintivo galego no seu establecemento, situado en Palas de Rei (Lugo). Durante a súa intervención, Alfonso Cabaleiro agradeceu a boa receptividade do centro á Aula Gastronómica e amosouse convencido de que esta experiencia contribuirá a dar a coñecer as características dos produtos e marcas entre os futuros cociñeiros e cociñeiras de Galicia. “Estou seguro de que esta experiencia contribuirá a que nos coñezan mellor e tamén a que saquen o maior partido posible aos nosos produtos e marcas”, afirmou.