Saborea a túa provincia e Lugo Termal, dúas campañas para reactivar a hostalería


A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o programa Saborea a túa provincia, unha das medida recollidas no Plan de Impulso da Economía que impulsa a institución provincial cun investimento de 7M€, practicamente o 8% do seu orzamento, para contribuír a paliar o impacto da pandemia con accións de apoio, promoción e incentivo do consumo dos sectores máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio.

Así o informou hoxe o Presidente, José Tomé Roca, que compareceu acompañado da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. Tomé Roca explicou que o programa Saborea a túa provincia ten como obxectivo “promocionar e incentivar o consumo dos produtos de calidade da provincia de Lugo e, desta forma, contribuír a apoiar e a reactivar a actividade da hostalería, do turismo e do pequeno comercio da nosa provincia”. 

Para elo, organizaranse xornadas gastronómicas e lúdicas por toda a provincia, cada fin de semana, na que cociñeiros e cociñeiras lucenses colaborarán con establecementos locais para ofrecer pratos con produtos típicos de cada zona. Ademais, haberá actividades para todos os públicos.

Sempre que as condicións sanitarias o permitan, o programa Saborea a túa Provincia desenvolverase no mes de agosto, durante o que terán lugar 9 xornadas gastronómicas e lúdicas noutros tantos puntos diferentes de toda a provincia, alternando zonas de costa e de interior.

Cada unha das xornadas de Saborea a túa provincia contarán con catro espazos diferenciados: un para concertos, charlas e conferencias; demostracións culinarias, escaparate de promoción de produtos e degustación. 

Entre os obxectivos do programa, subliñou o Presidente, está “contribuír á recuperación da hostalería e do turismo; favorecer a reconstrución do tecido empresarial; dar visibilidade aos diferentes destinos turísticos; sensibilizar sobre o potencial turístico dos 67 concellos da provincia; e  dar confianza aos visitantes”.

Lugo Termal

A Xunta de Goberno aprobou a licitación da execución do programa Lugo Termal, outra das medidas recollidas no Plan de Impulso da Economía da Provincia e que a Deputación de Lugo decidiu ampliar este ano co obxectivo de aumentar o seu beneficio directo nos balnearios da provincia –en Lugo, Pambre e Pantón-. Asi, o rango de idade das persoas que poderán gozar destes bonos será maior este ano, de modo que poidan facelo veciños e veciñas da provincia a partir dos 50 anos, e cun acompañante que non teña necesariamente esa idade.

Lugo Termal está dirixido a favorecer o benestar social e a dinamizar a economía ofrecendo descontos aos veciños e veciñas para facilitarlles o acceso ós balnearios e recibir terapias mineiromedinais. O programa que ten un orzamento de 60.500€ e o contrato é por un ano, con posibilidade de dúas prórrogas anuais máis, o que “dá estabilidade e previsión ó sector porque sabe que nos vindeiros anos vai ter este apoio por parte da Deputación de Lugo”, destacou o Presidente.