Rueda posiciónase ante o recurso anunciado contra a Lei de saúde de Galicia


A Xunta asegura que a Lei de saúde de Galicia aporta un marco legal para loitar contra a pandemia que o Goberno central non garante tralo estado de alarma que decae o 9 de maio, e entende que a negativa do Executivo central a adaptar a normativa á nova situación aboca aos españois a unha inseguridade xurídica sen mecanismos legais para combater a crise sanitaria.

En resposta a unha interpelación e a unha pregunta no Parlamento de Galicia, o vicepresidente primeiro da Xunta tendeu a man ao Goberno central para debater sobre o recurso anunciado contra a Lei de saúde de Galicia antes de que se presente perante o Tribunal Constitucional, á espera de que se convoque oficialmente a Comisión Bilateral Estado-CCAA de Galicia para debater sobre esta cuestión e sobre o traspaso de competencias pendente. Con todo, Alfonso Rueda lamentou que, de momento, non se atendera a petición da convocatoria dunha Conferencia de Presidentes, como pedira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para clarexar a situación xurídica tralo fin do estado de alarma.

Rueda recordou que, nun ano que vai xa de pandemia, o Goberno galego insistiu máis dunha vez ante o Goberno central en que era necesario un marco xurídico que permitise actuar con garantías na crise sanitaria, pero como as súas peticións non foron atendidas, optou por aprobar unha lei avalada polo Parlamento de Galicia para dotar aos galegos desa cobertura xurídica. A Lei de saúde de Galicia é, polo tanto, “un aval para os galegos”.

O vicepresidente da Xunta lamentou que, fronte a decisión do Goberno galego, o Executivo central non dotara aos españois, malia o tempo transcorrido, dunha cobertura legal que entrara en vigor tralo estado de alarma, tal e como criticou o Consello de Estado nun informe no que bota en falla unha adecuación lexislativa da lei estatal. Pola contra, o informe avala a constitucionalidade de cinco dos seis apartados da lei galega que o Goberno quere impugnar.

Alfonso Rueda criticou que o Executivo central teña máis présa por recorrer a Lei de saúde galega que por dotar ao Estado dunha norma xurídica efectiva tralo estado de alarma, e reiterou “a lealdade institucional á Constitución Española e ao ordenamento xurídico” que sempre amosou o Goberno galego.