Rueda destaca o pontencial de La Vuelta 21 para promocionar o Camiño de Santiago


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación da 20ª etapa de La Vuelta 21, con percorrido e meta no concello de Mos. Galicia acollerá entre o 3 e o 5 de setembro as tres últimas etapas da Volta Ciclista a España que ademais este ano, coincidindo co Xacobeo, remata na praza do Obradoiro. Ao acto tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

Alfonso Rueda destacou a oportunidade que supón esta competición para dar a coñecer Galicia como destino turístico no exterior, así como puntos das distintas rutas do Camiño de Santiago. De feito, esta etapa que atravesa as Rías Baixas polos concellos de Sanxenxo, Pontevedra, Redondela, O Porriño, Baiona e Mos, rematando no alto do Castro de Herville, ten moitas similitudes co trazado do Camiño Portugués e, por tanto, unha ocasión para promocionalo. Ademais Mos é un municipio moi vencellado ao Camiño, tal e como o reflicte o seu lema turístico: “a Rosa do Camiño”.

Trátase da segunda das tres etapas que pasan por Galicia, cunha anterior na Ribeira Sacra  por Monforte, Lugo e Sarria e a última desde Padrón a Santiago, tamén o último tramo que realizan os peregrinos antes de chegar á catedral compostelá.  

O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou que, ao igual que coa campaña Camiña a Galicia, a Xunta anima aos galegos e visitantes a camiñar para descubrir Galicia, tamén lanzou unha mensaxe aos afeccionados ao mundo da bicicleta e aos profesionais do ciclismo a pedalear a Galicia para descubrir un destino turístico seguro, sostible e de calidade. Así, engadiu que cando a situación sanitaria o permita, os viaxeiros poderán comprobar in situ moitas das paisaxes que se retransmitirán nesta Vuelta 21 e desfrutar dun turismo tranquilo e sen masificacións en espazos abertos e en contacto coa natureza.