Revalorización das Casas Reitorais do Camiño Portugués e Portugués pola Costa

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a mostra fotográfica froito do proxecto de divulgación e revalorización das Casas Reitorais do Camiño Portugués e Portugués pola Costa, que estará exposta ata finais de maio no Museo do Mar de Vigo. Tal e como destacou Nava Castro a exposición é unha “fotografía do momento actual en que se atopa unha mostra das casas reitorais coas que conta este trazado”. 

“Grazas ao traballo de inventariado deste proxecto, enmarcado no programa de O Teu Xacobeo, podémonos facer unha idea moi aproximada da realidade na que se atopa estas casas, coñecer as súas singularidades arquitectónicas e o estado de conservación na que se atopan”, explicou Castro durante o acto, no que estivo acompaña da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

O proxecto, que conta cunha achega do Goberno galego de 25.000 euros, consistiu na elaboración na análise de 70 casas reitorais radicadas nas parroquias galegas polas que discorre o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa que foron visitadas de forma individual, elaborando unha ficha de campo acompañada dun rexistro fotográfico e un croquis de 56 delas. A mostra recolle un cento de imaxes fotográficas da responsable do proxecto, Aroa Vargas, que levou adiante este proxecto en colaboración co arqueólogo Vicente Caramés e a arquitecta Marian Leboreiro. 

Este traballo forma parte das máis de 200 actividades que se están desenvolvendo no marco da segunda edición de O Teu Xacobeo, que conta cun investimento de 3,3 millóns de euros e que, sumados aos proxectos da primeira edición, están a permitir promover, difundir e darlle maior valor a esta celebración impulsando a descentralización e a desestacionalización do Xacobeo 21-22.