Promoción do Museo do Médico Rural de Maceda, único no ámbito galego e nacional

O médico era un veciño, amigo, confesor, psicólogo, e estaba aí desde o nacemento ata o falecemento, camiñando en cabalo ao domicilio do paciente por camiños ás veces inhóspitos. O seu labor era silenciosa, heroica e en solitario, con escasos medios, sendo o seu ollo clínico a baza máis importante para liquidar a maioría de patoloxías dos seus pacientes. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co responsable do "Museo do Médico Rural", José Manuel Lage, e co alcalde de Maceda, Rubén Quintas, a quen confirmou o apoio por parte da institución provincial "para seguir potenciando este singular espazo expositivo, único no ámbito galego e nacional, cuxo éxito reflicte a homenaxe da sociedade ao papel do médico rural, profesionais fondamente vencellados ao territorio e á súa veciñanza", salientou Baltar.

Expresou tamén o agradecemento a José Manuel Lage por poñer a disposición do público a importante documentación e os obxectos que conforman o museo, situado nas instalacións municipais, e ao alcalde de Maceda, "por promover esta iniciativa cultural á que seguiremos dando apoio económico e tamén mediante publicacións e co plan de acción, fixado a medio e longo prazo, que significará dispoñer de instalacións propias e con elo, unha aposta pola súa difusión e promoción para ser un punto de atracción turística e mesmo para os estudosos da medicina".

O obxectivo da creación do primeiro museo do médico rural galego, non é outro que resaltar a súa figura, que forma parte do patrimonio cultural da nosa terra e quizais das máis apreciadas no mundo rural.

Eran uns auténticos artesáns do seu oficio e o seu traballo laborioso, de 24 horas de atención, os 365 días do ano, a pesar dun salario moi discreto e un abandono por parte da administración ata hai non moitos anos. Vivían por e para os seus pacientes.