Primeira xuntanza cara o plan director do Parque Compostela Rupestre

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, e o director da empresa Trivium-Estratexias en cultura e turismo, César Abella asinaron o contrato para a elaboración do Plan Director do Parque Compostela Rupestre para o que se celebrou hoxe a primeira xuntanza xunto co equipo técnico da Deputación.

O Plan director de "Compostela Rupestre" será un documento clave na consolidación do proxecto que inclúe o desenvolvemento de compoñentes interdisciplinares arredor do territorio entre as que se atopan a arqueoloxía, historia, xeografía, cultura, paisaxe, medio ambiente ou urbanismo, entre outras.

A redacción do plan, da que se encargará a empresa Trivium, responde aos obxectivos de investigar e estudar o patrimonio rupestre dos municipios que integran o proxecto; protexer, manter e conservar o patrimonio e o seu ámbito físico e divulgar, comunicar e xestionar o proxecto de maneira que se concreten as actuacións futuras.

A empresa adxudicataria tivo hoxe unha primeira xuntanza con persoal técnico da Deputación da Coruña ademais do deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas para aclarar dúbidas e concretar polo miúdo os primeiros pasos a dar na redacción do documento.

A día de hoxe aínda non se coñece a cantidade exacta de petróglifos ou estacións rupestres incluídas no territorio do proxecto, e seguen aparecendo novos exemplares. O número aproximado ronda os 150 exemplares repartidos nos concellos de Compostela, Teo, Ames, Brión e Val do Dubra. O proxecto conta con presidencia rotatoria por número de habitantes que, despois de Santiago e Ames recae agora no concello de Teo.

O primeiro paso será continuar coa catalogación oficial que se levou a cabo nestes anos ata chegar a referenciar o total das gravuras rupestres coñecidas no territorio. O obxectivo é ter unha idea xeral e de conxunto para despois realizar unha selección dos xacementos máis relevantes en base a multitude de criterios a valorar, entre eles, situación, conservación, accesos etc.

Con este traballo no que participará un equipo multidisciplinar, a empresa Trivium realizará unha proposta final dos petróglifos e dos terreos que son interesantes para que os concellos e a Deputación da Coruña poidan dispor dos mesmos para a súa conservación e posta en valor.

Compostela Rupestre trátase dun proxecto integral a nivel turístico e patrimonial no que ademais das estacións rupestres, tamén formarán parte outros elementos patrimoniais, naturais e de interese paisaxístico dentro da comarca de Compostela.

Despois desta primeira toma de contacto, convocarase unha nova reunión cos concellos participantes do proxecto, a empresa redactora do plan director e o consello asesor para poñer ideas en común, resolver dúbidas e ter en conta suxestións.