Premier mundial de Cuñados en Ourense

Esta tarde o Teatro Principal de Ourense acolleu a premier mundial de Cuñados, a primeira longametraxe de ficción producida por Portocabo. No acto estiveron presentes Alfonso Blanco -director xeral da produtora-, Xaime Arias -director de Proxección Social  da CRTVG-, Román Rodríguez -conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia-, e Manuel Baltar -presidente da Deputación de Ourense-, entre outros.

Se ben Alfonso Blanco confirmou que o filme chegará ás salas con 120 copias dispoñibles en todo o Estado español, Manuel Baltar destacou a "natureza cinematográfica da provincia de Ourense" e Román Rodríguez o "gran talento audiovisual da nosa terra". Xaime Arias, pola súa banda, puxo o foco na calidade do guion, autoría de Araceli Gonda.

Ademais deles, na cidade das Burgas tamén quixeron estar presentes algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do panorama cinematográfico galego que forman parte do elenco:  Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, Iolanda Muiños ou Mela Casal. A ocasión serviu para volver ver xuntos a varios membros de Lamatumbá, unnha das bandas máis representativas da música galega co seu aire festivo e de verbena e a encargada de poñer a banda sonora a este  filme.

O filme, que se estreará cines este venres 9 de abril, é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE, Televisión de Galicia e Movistar e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En Cuñados colaboraron a Deputación de Ourense e D.O. Ribeiro e está rodada integramente na provincia de Ourense. Filmax encárgase da distribución en España, así como das vendas internacionais.