Posta en valor do xacemento de Castrolandín como recurso turístico


A Deputación de Pontevedra e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) iniciarán desde esta semana diversos traballos no xacemento de Castrolandín, en Cuntis, enmarcados no convenio que ambas institucións desenvolven para a investigación e posta en valor como recurso turístico dos distintos xacementos arqueolóxicos da provincia.

Este acordo entre ambas institucións ten como obxectivo avanzar nos coñecementos dos modos de vida, a transformación da paisaxe e o que sucedía fóra dos recintos fortificados na Idade de Ferro no interior da provincia. E máis polo miúdo, en Castrolandín vanse levar a cabo pequenas sondaxes valorativas para a caracterización da estratigrafía en diversas localizacións, para a avaliación do potencial dos seus diferentes sectores en función dos resultados das tarefas realizadas. Documentarase o espazo e un área dun quilómetro cadrado ao redor de cada unha dos sitios analizados, mediante unha combinación de imaxe visible e multiespectral de alta resolución tomada con sensores a bordo de drons. E abordarase a prospección superficial e xeofísica (magnetometría) do interior das zonas estudadas e do contorno para a identificación de posibles elementos enterrados.

Os traballos inclúen así mesmo a caracterización detallada da morfoloxía dos sitios e o seu contorno mediante levantamento topográfico de alta resolución (escaneamento 3D e/o fotogrametría) no xacemento de Castrolandín. Estas actividades en Cuntis terán a súa continuidade proximamente nos xacementos de Montaz e Bendoiro.

Charla no xacemento

O director do proxecto que se vai levar a cabo en Castrolandín, o arqueólogo e colaborador do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio) Carlos Otero, ofrecerá tamén no marco deste convenio unha charla aberta a toda a cidadanía desde o propio xacemento, que terá lugar o sábado 17 de abril, ás 12 horas, que versará sobre "As persoas habitantes de Castrolandín". A capacidade desta conferencia vai ser limitada, de maneira que para asistir as persoas interesadas deberán solicitalo a través do enderezo electrónico visitas@castrolandin.es.

Otero conta cunha ampla experiencia na dirección de importantes actuacións en xacementos na provincia, entre elas a última escavación que se realizara en Castrolandín. Ademais é investigador e ten realizado publicacións en revistas científicas sobre arqueoloxía en Galicia e Guinea Ecuatorial.

A través do citado convenio co CSIC, se desenvolverán outras actividades como un curso sobre Fluorescencia de Raios X destinado a persoas profesionais do sector que se desenvolverá no pazo de Liñares no mes de maio. Así mesmo, dentro da Semana Internacional da Arqueología terá lugar o día de 28 de xullo unha xornada de portas abertas no Centro de Xestión Arqueolóxica do Pazo de Liñares, onde ademais de coñecer o laboratorio e os procesos de traballo que alí se realizan, as persoas visitantes poderán ver os materiais investigados.