O TerraCeo de Vigo suma xa 41 concertos sobre a Ría

A segunda edición do Festival TerraCeo ofrecerá no auditorio Mar de Vigo máis de corenta concertos, superando o programa da edición 2020, e continúa traballando para pechar novas incorporacións. O alcalde, Abel Caballero, informou estes martes dos novos artistas confirmados: Eladio y los Seres Queridos (o 5 de xuño en sesión vermú, ás 13 horas), Corizonas (o 10 de xullo), Jorge Dréxler (o 11 de agosto) e Dorian (o 13 de agosto).

Ademais, están confirmadas aínda sen data a participación de As Tanxugueiras, un dos grupos galegos con máis éxito dos últimos anos, e da banda viguesa Batea, que presentará o seu novo traballo sobre a terraza do Auditorio. Xa son tres as presentacións de discos de grupos vigueses incluídas no programa da segunda edición de TerraCeo: a de Batea vén sumarse á de Os Resentidos e The Soul Jacket. As tamén galegas Bala tamén chegarán ao Festival para presentar o seu novo traballo.

Nunha presentación pechada pola música de Eladio y los Seres Queridos, o alcalde destacou a boa resposta do público ao cartel deste ano. Artistas como Andrés Suárez, Carlos Sadness e Sidonie programaron unha segunda data no TerraCeo e os seus concertos, como o da banda viguesa The Soul Jacket, colgan o cartel de “últimas entradas”.

Transcorridos 20 días desde o seu lanzamento, o programa do Festival suma xa 41 concertos, tres máis dos programados na súa primeira edición, en 2020. E inclúe diferentes propostas e opcións para que todos os públicos poidan gozar musicais ao aire libre na terraza do Auditorio Mar de Vigo sobre a Ría. O programa segue aberto e haberá novos anuncios.