O proceso de desescalada do ocio nocturno coordinarase cos representantes do sector


A Xunta planificará cos representantes do do ocio nocturno o proceso de desescalada do sector cando a situación sanitaria o permita e sempre que os datos sobre a evolución da covid-19 sigan mellorando. Así se abordou hoxe nun encontro entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, con representantes do sector, no que tamén participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.


O conselleiro de Sanidade presentou na reunión as cifras actuais en canto aos datos epidemiolóxicos e, neste escenario de desescalada gradual e progresiva, tamén se tratou a posibilidade de comezar con experiencias piloto co obxectivo de avaliar os protocolos e medidas de prevención necesarias coas que garantir a seguridade nestes locais na súa reapertura.

As discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e salas de concertos, así como os negocios que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores e que engloban o sector do ocio nocturno, permanecen pechados desde o pasado agosto polas restricións sanitarias para conter o virus adoptadas polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas.

O Goberno galego mantén así o diálogo fluído e directo co sector desde o inicio da pandemia. Froito dese diálogo púxose en marcha un Plan de reactivación do ocio nocturno, con axudas para o alugueiro, a celebración de concertos ou o mantemento de emprego. Nesta liña, na reunión de hoxe a Xunta e o sector avanzaron na posta en marcha de novas axudas específicas para o ocio nocturno.

Ademais, a Xunta vén apoiando a este sector a través do Plan de Rescate, que mobilizou 160 millóns de euros nas súas dúas convocatorias en apoio a autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros e outros negocios pechados como consecuencia das restricións sanitarias.