O Inorde analiza o Plan de Sustentabilidade Turística "Ourense provincia termal"


O Inorde e a Rede de concellos termais da provincia analizaron o Plan de Sustentabilidade Turística "Ourense provincia termal", despois de que a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia decidiran retomar dito plan que será presentado á nova convocatoria ordinaria para o ano 2021 da Secretaría de Estado de Turismo.

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, acompañado pola xerente de dito organismo, Emma González, polo director da Fundación Juana de Vega, Jose Manuel Andrade; e pola técnico que dirixirá a redacción do proxecto, Carmen Pardo, presentou aos alcaldes e representantes dos quince concellos ourensáns participantes, as liñas de acción deste Plan que require do "traballo coordinado e conxunto de todos para propoñer este proxecto que mellorará a sustentabilidade do modelo de desenvolvemento turístico", sinalou Rosendo Fernández.

Estes "Plans de Sustentabilidade en Destino" están a ser considerados "un instrumento esencial para a reactivación do sector trala crise sanitaria e son un mecanismo de colaboración coas Comunidades Autónomas e Entidades Locais, que promoven a "Gobernanza colaborativa" no marco das directrices xerais da Estratexia de Turismo Sostible de España 2030", engadiu o pr4esidente do Inorde.

O organismo adscrito á Deputación de Ourense, será o ente encargado de canalizar a solicitude, xa que entre as súas funcións está a de impulsar o desenvolvemento do potencial turístico da provincia e tamén coordinará ese labor de revisión do plan xunto á Fundación Juana de Vega.